Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cemiterios ateigados de xente nas vésperas de Defuntos

Cemiterios ateigados de xente nas vésperas de Defuntos

A tarde acompañou en boa parte do país para a visita ás sepulturas

Unha muller prepara un centro no cemiterio ourensán de San Francisco para os seus familiares falecidos
G24.gal 30/10/2022 19:56 Última actualización 30/10/2022 20:08

 

Os fieis apuran as xornadas previas ao día de Defuntos para acondicionaren as sepulturas dos seus familiares. Os cemiterios de todo o país enchéronse esta tarde de xente con flores para honrar os seus mortos.

"Veño a miúdo, non só en Defuntos. Veño nos cabodanos, nos aniversarios... Como á miña irmá lle gustaban as rosas brancas, sempre collo. E para o meu pai, as vermellas. Sempre collo unha flor que lles guste", comenta unha muller mentres prepara un ramo para a sepultura.

Onde queira que miremos, hai alguén ocupado, collendo auga para as plantas, ou limpando unha lápida. "A min gústame. Veño da aldea e estiven limpando a dos meus avós, e iso que teño alí unha curmá, pero fíxome ilusión", aclara unha muller que está limpando a tumba da súa sogra. "Aínda que os recordemos todo o ano, sempre é un día especial, que se lle presta algo máis de tempo a estar con eles", di outra, que se retira xa acompañada do seu marido.

As emocións están a flor de pel nestes días en que se aviva o recordo dos seres queridos que foron faltando. "Eu creo que unha semana antes xa empezamos a estar algo máis sensibles, acorde co cambio de tempo e de estación", di unha muller que lles leva flores aos pais.

Cada un chega ao cemiterio coas súas propias historias, as que compartiron cos que alí repousan.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar