O Celta Fortuna apaña a súa primeira derrota ante o CD Castelló (1-2)
Os castellonenses impoñéronse ao filial celeste nun partido onde perdoaron claras ocasións e no que os celestes tiveron opcións de acadar o empate nos minutos finais
Óscar Marcos anotou o gol do Fortuna e Somuah rematou ao pau e rozou a igualada para os vigueses
Á terceira xornada chegou a primeira derrota do Celta Fortuna na súa estrea na segunda división. Os de Fredi álvarez foron superados con claridade por un CD Castelló que se postula coma un dos grandes favoritos para ascender á primeira división aínda que o gol de Óscar Marcos no treito final deulle emoción ao partido.
Desde o inicio do partido os aurinegros fron a pola vitoria . E xa nos minutos iniciais adiantaríanse no marcador despois dunha brillante finalización de Fran Castillo. Camara puido incrementar a renda dos seus en varias ocasións pero entre Coke Carrillo e os defensas abortaron as chegadas dos de Pablo Hernández. En ataque os celestes pouco perigo creaban e soamente unha cacholada de Álvaro Marín levou algo de inquedanza á meta de Matthys.
No descanso o adestrador local Fredi Álvarez moveu a árbore coa entrada no terreo de xogo de Burcio e Kibet. Pero de novo nos compases iniciais do período volvería a marcar o Castelló tras unha xogada de Castillo que finalizaría Pablo Santiago. Seguiron chegando as ocasións visitantes que non aproveitarían e os vigueses pouco a pouco foron gañando terreo no partido. Reducirían diferenzas tras unha xenial asistencia de Hugo Cuenca que aproveitaría Óscar Marcos para darlle emoción ao choque. Restaban nove minutos para o final e os celestes buscaban unha nova remonta. Somuah tivo o empate pero os eu remate petou no pau traveseiro da meta dos valencianos que souberon aguantar o triunfo ata o final do partido.