O Celta B e o Deportivo asinan o empate
Marcou Iker Losada antes do primeiro minuto do partido e empatou Villares a pouco de chegar ao descanso
O Celta B e o Deportivo asinaron un empate a un gol no derbi xogado en Balaídos. Un partido en que os dous equipos amosaron moito coñecemento e no que tomaron moitas precaucións no segundo tempo despois dunha primeira metade na que se viron os goles.
Non se chegara nin ao primeiro minuto cando o Celta B logrou adiantarse no marcador. Unha xogada na que Lautaro proba o lanzamento e Iker Losada aproveita o rexeitamento para metelo coa cabeza na rede.
Por certo que o partido estivo parado durante sete minutos porque o colexiado esixiu que fose comunicado por megafonía que non se podían lanzar obxectos.
O gol afianzou a idea do Celta B que xogou repregado e buscando a contra. O Deportivo levaba o peso do partido pero sen xerar ocasións. A mellor, un centro de Narro que se envelenou e acabou espetándose contra o pau.
O empate chegou no minuto 41 nunha chegada de segunda liña do chairego Diego Villares que conseguía superar a Cristian Joel. Comezaba un partido novo na segunda metade.
O segundo tempo foi moi igualado. Cun Deportivo que comezou avisando grazas a un lanzamento de Soriano que acabou preto da escadra. O Celta B fixo trocos e abandonou a defensa de cinco. Con Javi Gómez no campo xerou un par de ocasións que non acertou a definir diante de Mackay.
A mellor da segunda parte volveu estar nos pés de Villares pero Cristian Joel agora sí acertou a desviar o seu lanzamento.
Empate final nun partido ao que acudiron máis de dez mil afeccionados e no que o máis destacado foi o ambiente que o rodeou.