Publicador de contidos

Publicador de contidos

Baixo custodia a dona do bar onde se orixinou un incendio en Barcelona con oito edificios afectados

Baixo custodia a dona do bar onde se orixinou un incendio en Barcelona con oito edificios afectados

Outras 34 persoas foron atendidas polos servizos sanitarios e dadas de alta no lugar

Os Mossos abriron unha investigación para tratar de determinar as causas

G24.gal 12/04/2022 08:32

Catro persoas quedaron feridas, unha delas de carácter grave, no incendio que se desatou esta madrugada nun edificio de Barcelona por mor dunha "forte explosión", por causas que aínda se descoñecen, e que acabou afectando a oito edificios lindeiros.

Segundo informou o Concello, a explosión produciuse nuns baixos do número 73 da rúa València, no Eixample, e causou feridas a catro persoas que foron trasladadas a centros hospitalarios: hai un ferido grave, dous menos graves e un leve.

O ferido grave e os dous menos graves foron evacuados ao hospital Vall d'Hebron de Barcelona, mentres que o leve foi trasladado ao Sagrat Cor. Ademais, outras 34 persoas foron atendidas polos servizos sanitarios e dadas de alta no lugar.

A deflagración, que se produciu pouco antes das catro da madrugada, orixinou un incendio que acabou afectando oito edificios próximos. Os Mossos abriron unha investigación para tratar de determinar as causas. "Están a estudarse todas as hipóteses", afirmou o xefe de garda dos Bombeiros de Barcelona, Víctor Molinet, quen engadiu que o que si se sabe con certeza é que a explosión produciuse nun local. 

O local xa recibira queixas dos veciños polas molestias que producía e a súa propietaria ameazara con prenderlle lume. A policía tratou de precintalo a semana pasada pero non puido facelo porque o bar estaba pechado. A súa dona, ferida de gravidade, atópase baixo custodia policial.

O incendio xa está extinguido e os Bombeiros de Barcelona están a revisar os edificios afectados, situados na rúas València, Calàbria e a avenida de Roma. De momento os veciños dos bloques de València 67 e 69 xa puideron regresar ás súas casas. O edifico máis afectado é onde estaba o local, València 73, porque sufriu danos estruturais. Trece dotacións de Bombeiros traballaron na extinción do incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade