Cinco persoas están en estado crítico tras chocar dous trens frontalmente en Dinamarca
O sinsitro produciuse nunha liña de tren local, entre dous convois que bateron frontalmente
(Ritzau Scanpix/StevenKnap/Vía Reuters)
Dezasete persoas quedaron feridas este xoves, cinco delas en estado crítico, tras un choque frontal entre dous trens en Gribskov, ao norte de Copenhague, informaron as autoridades danesas, que aínda non estableceron a causa do accidente.
"En total hai 17 feridos, estímase que cinco en estado crítico. É unha cifra dinámica que pode variar, pero esa é a situación actual. Temos control sobre todos os pacientes que se viron involucrados no accidente", dixo en conferencia de prensa o xefe dos servizos de emerxencia da rexión de Copenhague, Anders Heimdal.
Os feridos foron distribuídos entre varios centros médicos da rexión, a maioría ingresados no Hospital do Reino de Copenhague.
A policía recibiu un aviso á 6:29 hora local dun choque frontal entre dous trens da liña que conecta varias localidades do norte da illa de Selandia á altura da vila de Kagerup, a uns 50 quilómetros ao norte de Copenhague.
"Hoxe por hoxe non podemos dicir nada sobre as causas do accidente. Xa as determinarán as nosas investigacións máis adiante", dixo na mesma comparecencia Morten Pedersen, da policía do norte de Selandia.
Segundo informaron as autoridades, no momento en que se produciu o accidente viaxaban 38 persoas a bordo dos dous trens.
As autoridades rexionais enviaron á zona sete ambulancias e un helicóptero do Exército tamén participou no operativo.
O veciño municipio de Hillerød estableceu un centro de crise ao que foron trasladados os feridos que non necesitan atención hospitalaria.