Catro persoas continúan ingresadas tras o gromo gastrointestinal no IES Elviña da Coruña
Sanidade mantén pechada a cafetería do centro tras detectar a orixe na inxestión de tortilla
IES Elviña
Catro persoas continúan ingresadas tras o gromo gastrointestinal rexistrado no IES Elviña, na Coruña, segundo o último parte da Consellería de Sanidade.
O balance oficial mantén en 68 o número total de persoas afectadas.
Posible relación coa inxestión de tortilla
O centro non dispón de comedor, pero conta cunha cafetería, que permanece pechada de forma preventiva.
As autoridades sanitarias sospeitan que a infección se produciu tras a inxestión de tortilla consumida durante o recreo entre os días 8 e 9 de xaneiro.
A investigación céntrase en dúas liñas. Por unha banda, analízase a orixe dos ovos para identificar a explotación de procedencia. Por outra, examínase a posible implicación dos manipuladores de alimentos, que poderían ser portadores asintomáticos.
Sanidade subliña que o obxectivo principal é determinar como chegou a salmonela ao alimento, por que se multiplicou e que factores fixeron posible o gromo.
O alumnado afectado, de distintos cursos, presenta síntomas como vómitos, diarrea e febre.
As persoas afectadas recibiron atención en centros de saúde, nos PAC ou mediante consultas telefónicas.
Os casos non apareceron todos ao mesmo tempo e presentan distinta intensidade.