Rusia lanza un dos maiores ataques aéreos sobre Ucraína con 400 drons e 40 mísiles
"Atacaron case toda Ucraína, Rusia debe pagar por isto", asegura Zelenski
Moscova di que as súas defensas antiaéreas neutralizaron 174 drons ucraínos e que só atacaron obxectivos militares: "Todas as infraestruturas foron destruídas", sinalan
En Kíiv as autoridades reportaron tres mortos e medio cento de feridos

Recrúa o conflito aberto entre Rusia e Ucraína. Esta pasada noite, Moscova realizou un "ataque masivo" por todo o país. Segundo o presidente ucraíno, o ataque, con máis de 400 drons e 40 mísiles, matou tres traballadores dos servizos de rescate en Kíiv e causou 49 feridos e afectou a varias rexións do país.
"Atacaron case toda Ucraína: as rexións de Volinia, Leópolis, Ternópil, Kíiv, Sumi, Poltava, Jmelnitski, Cherkasy e Cherníguiv", escribiu Zelenski nas súas redes sociais, onde tamén publicou fotografías de zonas residenciais afectadas polo bombardeo.
O presidente ucraíno afirma que "algúns dos mísiles e dos drons foron derrubados", pero "non todos foron interceptados".
"Rusia debe pagar por isto", escribiu Zelenski. "Agora é exactamente o momento" no que os EUA, Europa e outros países do mundo deben "parar esta guerra".
O de onte á noite é o primeiro ataque masivo combinado con drons e mísiles, incluídos mísiles balísticos, que lanza Rusia despois de que unha operación ucraína destruíu decenas de aeronaves da aviación militar rusa o pasado domingo.
Rusia derruba 174 drons ucraínos nun novo agravamento dos ataques
Tamén este venres, o Ministerio de Defensa ruso informou de que conseguiu derrubar 174 drons ucraínos guindados sobre diferentes puntos do país.
Entre as rexións afectadas figuran a ucraína de Crimea, anexionada por Rusia en 2014.
En Tambov, tres persoas foron feridas como consecuencia dos ataques. Tamén en Tula e Kaluga as autoridades informaron de varios feridos e danos en automóbiles.
O Ministerio de Defensa de Rusia asegurou hoxe que o ataque con armas de alta precisión e longo alcance realizàrono "en resposta aos atentados terroristas do réxime de Kíivs. Aclaran que todos eran obxectivos militares, como fábricas de armamento, talleres de ensamblado de drons e centros de instrución de pilotos e arsenais de armas. "Os obxectivos do ataque foron alcanzados. Todas as infraestruturas foron destruídas", sinalan.