Os incendios de Folgoso e A Pobra do Brollón roldan xa as 1.500 hectáreas
En total, os incendios activos en Galicia queiman máis de 2.700 hectáreas
Os raios provocaron 52 incendios entre as oito da tarde e as oito desta mañá
En Carballeda de Vadeorras xa se queimaron unhas 500 hectáreas
Evacúan 40 mozos dun campamento por un incendio na Pobra do Brollón
Os tres incendios forestais rexistrados en A Pobra de Brollón e outros dous en Folgoso, na provincia de Lugo, roldan xa as 1.500 hectáreas arrasadas.
En declaracións realizadas aos medios o conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita realizada á zona da Pobra, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o alcalde desta localidade, José Luis Maceda, explicou a situación actual.
A tormenta de onte deixou en Galicia entre as oito da tarde e as 8 desta mañá 52 incendios, que se orixinaron por raios, 41 deles nunha franxa de catro horas, que van das oito da tarde ás doce da madrugada.
Segundo explicou, as tormentas dificultaron a situación e aínda que nalgunha zona a propia choiva sufocou os lumes, noutros casos as tormentas foron secas e isto obrigou a decretar a situación dúas pola proximidade do lume aos núcleos de poboación.
Polo momento, a peor parte lévaa Folgoso do Courel (Lugo), onde permanece decretado como medida preventiva o nivel 2 de alerta nos incendios que continúan activos.
700 hectáreas calcinadas en Seceda, 300 en Vilamor e 500 na Pobra do Brollón
Segundo os últimos datos que recolle o 085, o incendio rexistrado en Seceda (Folgoso) queimou 700 hectáreas, mentres que o segundo incendio declarado en Vilamor, tamén en Folgoso, afecta xa a 300. Pola súa banda, a superficie calcinada na Pobra do Brollón, na parroquia de Saa, sitúase en 500 hectáreas.
No caso da Pobra, por mor do lume, tiveron que ser desaloxados 40 mozos dun campamento por precaución e presumiblemente serán recolocados no pavillón municipal.
Con este escenario, o conselleiro volveu a apelar de novo "á prudencia" a fin de evitar comportamentos que poidan derivar en novos incendios forestais e pediu que se avise tanto ao 085 como ao 900 815 085, en caso de detectar algunha conduta sospeitosa.
Na actualidade, Galicia mantén "un despregamento moi importante" con 30 medios aéreos e numerosos medios terrestres para tratar de controlar os incendios rexistrados por toda a Comunidade, boa parte concentrados nas zonas máis afectadas, como Quiroga, A Pobra e Folgoso.
500 hectáreas arrasadas en Carballeda de Valdeorras
Outros incendios importantes son o orixinado en Carballeda de Valdeorras, en Ourense, cunha superficie calcinada de 500 hectáreas.
Preguntado sobre se preocupa a situación dos encoros, destacou o conselleiro que no caso deses incendios, están preto das zonas afectadas, "o que permite cargar rápido" e combater estes lumes.
Da situación, explicou que as altas temperaturas rexistradas pola noite "non están a axudar nada" nos labores de extinción e os traballos céntranse en "garantir a seguridade" de todas as aldeas.
Por último, o conselleiro confirmou que está prevista a chegada duns 30 efectivos da UME para axudar nas tarefas de control e extinción.
450 hectáreas queimadas en tres incendios en Quiroga
No concello de Quiroga permanecen activos tres incendios. O da parroquia de outeiro afecta unhas 200 hectáreas, o de Nocedo levou por diante 180 hectáreas e o da parroquia de Quiroga, 70 hectáreas.
200 hectáreas en Rodeiro
Outro incendio declarado na parroquia de Guillar, no concello pontevedrés de Rodeiro, afecta polo momento unhas 200 hectáreas. O foco mantense activo e a cifra queimada é provisional.
70 hectáreas afectadas en Vilariño de Conso
O lume esténdese pola parroquia de Pradoalbar, entro do parque natural do Invernadeiro.

As treboadas causantes dos incendios
A Consellería do Medio Rural detallou que boa estes incendios foron orixinados por raios na noitiña pasada, dadas as tormentas rexistradas o mércores en Galicia.
En concreto, no caso dos dous que agora mesmo están activos en Folgoso do Courel, a propia alcaldesa, Lola Castro, confirmábao en declaracións á axencia EFE. Precisou que na zona norte do concello a tormenta veu acompañada de chuvia, pero noutras partes do municipio a treboada foi completamente seca, de modo que todo indica que foron os raios os que provocaron os incendios forestais.
Ademais, informa a administración que xa se deu por estabilizado desde as 14:29 horas o lume rexistrado na parroquia de Quins, en Melón, que se iniciou ás 22:38 horas do martes e que arrasou 50 hectáreas.
Ademais, tamén permanece estabilizado o incendio que comezou ás 22:11 horas do luns en Ribadavia e que afecta a unhas 65 hectáreas.