Detido por prenderlle lume á casa da súa exparella en Tomiño con ela dentro
O xuiz decreta prisión provisional para o detido por ameazas no ámbito de violencia de xénero, incendio con perigo para as persoas e coaccións
A muller está ben e apagou o lume cos seus propios medios
Segundo relatou, recibiu ameazas de morte mentres fuxía do home, que finalmente foi detido en Vigo
A Policía Nacional detivo en Vigo un home de 45 anos por prenderlle lume á vivenda da súa exparella na localidade de Tomiño cando ela estaba no interior.
O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Tui decretou prisión provisional para o detido por ameazas no ámbito de violencia de xénero, incendio con perigo para as persoas e coaccións.
Os feitos, segundo confirmaron a EFE fontes próximas á investigación, sucederon a última hora da tarde do martes na parroquia de Santa María de Pinzás, no lugar de Muros, e foi a exparella do home detido, unha muller de 51 anos, quen deu a voz de alarma.
Ao parecer, a muller regresou a casa e observou un líquido no chan. Nese momento, o detido, que estaba no interior da vivenda, prendeu lume e o líquido inflamable comezou arder.
A muller conseguiu apagar as lapas e fuxiu en coche. O detido comezou entón unha persecución mentres ameazaba a vítima a través de mensaxes de audio e chamadas. Afortunadamente, ela conseguiu afastarse e denunciar o incidente na Garda Civil.
Un dispositivo no que colaboraron a Policía Nacional e a Policía Local conseguiu localizar o sospeitoso na casa da súa nai, na parroquia viguesa de Beade, onde foi detido como presunto autor dun delito de malos tratos no ámbito familiar.
Inicialmente, foi trasladado a un hospital para a realización dunha avaliación psiquiátrica e, tras recibir a alta, foi enviado a dependencias policiais.