Catro hospitais veterinarios galegos colaboran co Banco de Sangue Animal de Barcelona
Os animais tamén poden necesitar unha transfusión de sangue nalgún momento da súa vida. Dispoñer dela no menor tempo posible pode ser determinante para salvalos. En Galicia existen catro hospitais veterinarios que colaboran co Banco de Sangue Animal (BSA) que ten a súa sede en Barcelona. Un deles é o Hospital Veterinario Atlántico da Coruña.
Como centro colaborador conta cun depósito de sangue e hemoderivados de animais xa procesados: glóbulos vermellos, plaquetas e plasma.
"Nós temos un stock que pertence ao banco de sangue e a clínica que o necesite entra en contacto co BSA, eles chámannos a nós e veñen ata aquí buscar o sangue", explica Suelen Nunes, responsable do Servizo de auxiliares veterinarios.
A solicitude só pode facela un profesional veterinario.
Neste hospital tamén realizan transfusións aos seus propios pacientes. As anemias ou hemorraxias con perdas importantes de sangue adoitan ser os casos máis habituais.
"A nós o que nos dá é unha vantaxe de tempo extra para poder corrixir a enfermidade que está a provocar as diferentes patoloxías como pode ser unha anemia ou trombocitopenia e que podemos, grazas ao banco de sangue, dispor de diferentes produtos que están recomendados en función do paciente e de que patoloxía presenta", sostén Verónica Vieitez, directora médica do Hospital Veterinario Atlántico.
O aumento da demanda atribúeno ao avance da propia especialidade veterinaria e tamén á disposición dos donos dos animais que teñen que facerse cargo do custo do servizo.
Amais da Coruña, outras cidades que contan con stock de sangue animal son Santiago, Lugo e Vigo.