Catro detidos en Camariñas, A Coruña e Madrid por falsear identidades para dar de alta traballadores en situación irregular
Catro detidos en Camariñas, A Coruña e Madrid por falsear identidades para dar de alta traballadores en situación irregular
A investigación tivo orixe nun aviso da Subdelegación da Coruña por un empregado dado de alta en varias provincias
Foto de arquivo/Europa Press
A Policía Nacional realizou catro detencións de cidadáns de nacionalidade senegalesa en Camariñas, A Coruña e Madrid por falsearen identidades para dar de alta empregados en situación irregular.
Nun comunicado, a Policía explica que as investigacións comezaron tras detectarse diversas irregularidades nas altas de traballadores na Seguridade Social en empresas de varias provincias españolas, nas cales se utilizaba documentación ilexítima.
A investigación tivo a súa orixe nunha comunicación da Subdelegación do Goberno na Coruña, onde se alertou sobre un cidadán dado de alta simultaneamente no Réxime Xeral da Seguridade Social en varias provincias.
Así, axentes pertencentes ao Grupo 2 da Ucrif da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Coruña desenvolveron dúas operacións paralelas, chamadas ThreeFall e Gama.
As xestións policiais permitiron localizar no municipio de Camariñas a empresa pesqueira onde un dos implicados traballaba suplantando a identidade dun terceiro. “Descubriuse que un empregado da propia empresa lle presentou ao seu xefe este cidadán asegurando que contaba con permiso de residencia e traballo e coa titulación requirida para o sector pesqueiro”, explica o relato policial.
Así, a operación ThreeFall rematou con tres detencións: o traballador en situación irregular que suplantaba a identidade na empresa; o compañeiro de traballo que o presentou ao empresario, “a sabendas de que a documentación era falsa”, e o titular lexítimo da documentación, localizado e detido en Madrid en colaboración coa Brigada Provincial de Estranxeiría de Madrid.
Ademais, na operación Gama os axentes detiveron na Coruña un home que cedeu o seu permiso de traballo para que persoas en situación irregular se desen de alta en empresas de Galicia e Andalucía.
“Con esta práctica, mentres os traballadores realizaban o labor en situación irregular, o titular lexítimo obtiña cotizacións fraudulentas para futuras prestacións sociais”, sinala a Policía Nacional.