Un incendio afecta catro coches estacionados nun aparcadoiro de Vilagarcía
Dous dos vehículos quedaron totalmente desfeitos. Os outros dous, situados a seu carón, sufriron danos na pintura, retrovisores e portas
Os veciños apuntan que un dos coches calcinados era utilizado habitualmente polo seu propietario para pasar a noite
Un ruído de explosión foi o que puxo en alerta os veciños da rúa Mulatas en Vilagarcía de Arousa. Cando saíron aos balcóns, co que se atoparon foi cunha enorme montaña de fume e catro coches ardendo. Dous deles quedaron totalmente desfeitos. Os outros dous, situados a seu carón, sufriron danos na pintura, retrovisores e portas.
"Alertáronnos de que estaba ardendo, en primeira instancia, un vehículo e, cando se desprazou a dotación de garda ao lugar, o que se atopou foron catro vehículos. Nun estaba xa totalmente desenvolto o incendio, o do lado moi afectado e os outros dous por radiación tamén se viron afectados", apunta Francisco Javier Guillán Busto, xefe do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía de Arousa.
Os veciños apuntan que un dos coches calcinados era utilizado habitualmente polo seu propietario para pasar a noite, pero que, neste caso, non se atopaba no interior do vehículo.
"Cociñaba aquí e tiña aquí as súas cousas. Moitas veces tamén o vin, que se aburría e cortaba as herbas aquí do campo, lavaba a súa roupa aquí, neste xardín, tendía enriba do coche. A min dáme moitísima pena porque era a súa casa. El vivía no seu coche e perdeu todo", comenta unha veciña.
Polo momento, descoñécese a orixe do lume, pero hai rumores e indicios que apuntan a unha persoa que andaba pola zona días previos ao suceso.
"Persoas que se atopaban na contorna, dicían que vían ultimamente unha persoa espreitando arredor do vehículo, e parece ser que non era a persoa que pasaba a noite nel", conta Guillán Busto.
Os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía de Arousa foron os responsables de sufocar as lapas e ata o lugar desprazáronse tamén axentes da Policía Local e da Nacional.