Investigan as causas do incendio nunha vivenda de Cangas
Unha muller foi evacuada ao hospital
A orixe do lume puido estar na estufa que tiña no cuarto calcinado
O incendio produciuse nunha das vivendas do entresollado dun edificio de Cangas. Á muller que vive nela sorprendeulle o lume cando estaba na cama. A orixe puido estar na estufa que tiña no cuarto que quedou totalmente calcinado.
A muller tivo que ser trasladada a un hospital, pero a rápida actuación dos seus veciños que sufocaron as lapas con extintores evitou consecuencias máis graves.
O que si provocou momentos tensos foi o fume que se espallou por todo o edificio. Segundo os afectados era difícil respirar e algúns, tiveron que baixar ao exterior ás escuras axudados de lanternas.
Dúas persoas, entre elas unha muller embarazada, precisaron asistencia médica aínda que foron dadas de alta no punto.
Rematadas as tarefas de ventilación os veciños desaloxados puideron volver ás súas casas. Hai aberta unha investigación para determinar as causas do lume.