Os coches para alugar en xullo e agosto están practicamente esgotados
A dispoñibilidade de vehículos de alugueiro, tamén de furgonetas, caeu á metade desde o 2019 debido á crise dos microchips
É practicamente imposible conseguir un coche para alugar este verán. En Galicia, as empresas locais confían en poder ir incoporando algún vehículo máis, pero as multinacionais do alugueiro apenas dan xa abasto para cubrir a demanda en Canarias e Baleares.
A explicación é que a frota dispoñible de vehículos para alugar en España pasou de 900.000 a apenas 450.000 en cuestión de dous anos.
"Debeuse basicamente a que durante a crise sanitaria da covid-19 as compañías de alugueiro desfixémonos de moitos coche para non telos parados e despois foinos imposible, debido á crise dos semicondutores, repoñer a frota mercando vehículos novos", explica Pablo Martínez Brea, directos de compras dunha empresa de alugueiro de vehículos.
"Queres mercar un coche novo e tardan sete ou oito meses en darcho", explica Eduardo Castiñeira, xerente dunha empresa de alugueiro en Vigo. Engade que tamén afecta a transición cara a un novo modelo de mobilidade que fai que moitos particulares desistan neste momento de mercar un vehículo propio e iso está a incrementar a demanda por riba do habitual.
O problema repítese noutros países turísticos europeos. Ademais, están provocando unha importante repunta nos prezos.