Publicador de contidos
Publicador de contidos

Case un cento de empresas galegas subscribiron o Pacto Mundial da ONU para a sostibilidade

Case un cento de empresas galegas subscribiron o Pacto Mundial da ONU para a sostibilidade

Celebran un congreso en Compostela para visibilizar a relación entre sostibilidade ambiental e social, e rendibilidade económica

G24.gal 07/05/2024 14:41

Son 96 as compañías galegas que participan no Pacto Mundial da ONU para a sostibilidade empresarial. En España superan as 1.700. É unha iniciativa con máis de vinte anos de andaina. 

"Traballamos dez principios en catro grandes áreas, que son os dereitos humanos, laborais, medioambientais e a loita contra a corrupción", explica Clara Arpa, presidenta do Pacto Mundial da ONU en España. Afirma que malia que "estamos ao 15 por cento dos obxectivos cumpridos", o  movemento empresarial cara á sostibilidade "xa é imparable".

Celebran unha xuntanza en Santiago para promover esa aposta pola responsabilidade social corporativa. Din que as melloras sociais e ambientais melloran ademais a conta económica.

"É bastante evidente", di Josefa de León, vicepresidenta de Viratec. É o clúster galego de economía circular, creouse en 2020 e xunta máis de 80 empresas. Para ela, se temos "a sociedade ou o ambiente en contra, o noso negocio non vai medrar". Porén, cre que se crecemos "acompañados do territorio" imos crecer moito máis, porque "ao final vai repartirse a riqueza".

Enténdese cada vez mellor esa filosofía, e son máis as empresas que buscan asesoramento para sumarse a ela. "Temos un plan de acción de crecemento para PEMES que acompaña os nosos clientes -explica María García, xerente de sostibilidade de Abanca- para que poidan transformarse e elaborar eses plans de xestión e de investimentos que precisen para chegar ás metas de sostibilidade".

Polos datos do Pacto Mundial da ONU, igualdade de xénero, economía circular, traballo decente e enerxía limpa son os catro obxectivos de desenvolvemento sostible nos que máis medidas adoptan as empresas galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar