Carlos Alcaraz gaña o US Open e é o número 1 máis novo da historia
Primeiro Grand Slam para o tenista español con só 19 anos
Impúxose a Ruud na final e pasa a ser o novo número 1 do mundo
Carlos Alcaraz gañou o seu primeiro Grand Slam no US Open e confirmouse como o novo número 1 do mundo logo de impoñerse a Casper Ruud en catro sets.
Alcaraz comezou dominando o primeiro set, en que se impuxo cun 6-4 e deixou unhas magníficas sensacións. Todo mudou na segunda rolda, en que Ruud foi moito máis sólido e se aproveitou da precipitación do murciano, que acabou perdendo por 2-6.
O terceiro set apuntaba a decisivo e así o afrontaron os dous tenistas. Unha batalla sen cuartel da que saíu gañador Alcaraz logo de facer unha morte súbita perfecta en que só cedeu un punto (7-6).
Con só 19 anos, habería quen pensase que a Alcaraz lle ía poder a presión. Aguantou o seu servizo no cuarto set e conseguiu romper o de Ruud no sexto xogo. A partir dese intre, manexou os nervios e resolveu cun 6-3, que o sitúa no máis alto do tenis mundial.