Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mellora a situación dos incendios en Galicia, pero xorde outro lume en Ourense, no concello de Avión

Mellora a situación dos incendios en Galicia, pero xorde outro lume en Ourense, no concello de Avión

Permanecen activos os incendios de Chandrexa de Queixa e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, os dous en Ourense

Chandrexa de Queixa evoluciona favorablemente con só un foco por estabilizar

O lume de Avión, parroquia de Nieva, declarouse minutos despois das 17 horas

Vilamartín de Valdeorras, superficie calcinada polo peor incendio da serie histórica de Galicia. EFE/Brais Lorenzo
G24.gal 24/08/2025 21:26

Mellora a situación dos incendios en Galicia, pero en Ourense, a provincia máis castigada, xurdiu un novo lume; este no concello de Avión. Este incendio xa supera as 20 hectáreas. Pero onde as lapas seguen sen freo é en Carballeda de Valdeorras.

De noite, as linguas de lapas fanse ostensibles ante a parroquia de Casaio e de día a progresión do fogo parece atenuada pola luz. Desde hai unha semana neste lugar son espectadores da progresión dun incendio que avanzou desde Zamora. Son 4.000 hectáreas arrasadas e quizais só a choiva certifique o seu final.

"O xoves empezou a vir xente. Estivemos os da xunta de montes, os veciños da parroquia e algún achegado que fixo de voluntario e estivemos facendo o que puidemos. Agora temos medios e están por aí os helicópteros dándolle estopa", comenta un veciño da parroquia.

Un río delimita a opción da esperanza con respecto ao mundo da cinza e este domingo traballouse arreo.

"O que tememos agora é que o lume cruce o río para este lado. Se cruza o río para este lado pódese meter pola zona de San Xil Vello, que é unha zona moi bonita que temos tamén, e pódenos vir ata a parroquia. Foi moita xente para alí e está alí moita xente tentando que o lume non pase para este lado. A ver se o conseguen", explica unha veciña.

Ardeu moito entre montañas de moi difícil acceso e iso convértese nun forte atranco para frear as lapas. Nesta semana traballaron nestes lumes de xeito acumulado 233 brigadas, 34 helicópteros e 29 avións. Pero Casaio deféndese por si mesma.

"Tocamos as campás e metémonos alí arriba, no monte, e tentamos apagar o teixadal, que é o bosque milenario que temos aquí, que ten oito mil anos. Tentamos salvar esa parte".

Ese é o milagre deste incendio. A natureza padece, pero en medio da destrución o teixadal de Casaio, con exemplares centenarios, mantense incólume. Ata o de agora foi salvado polos veciños e por grupos de apoio como Sputnik Labrego. Unha nota de esperanza entre tanta cinza.
 

Estado dos incendios en Galicia

A situación dos incendios mellorou este domingo en Galicia, pero xurdiu un novo lume, no concello ourensán de Avión, cunhas 20 hectáreas afectadas, segundo o último balance da Consellería do Medio Rural.

Canda a ese novo lume, permanecen activos os de Chandrexa de Queixa, que evoluciona favorablemente, con só un foco por estabilizar, e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, tamén en Ourense, mentres que se deu por controlado esta tarde o que afectaba nesa provincia ás parroquias de Fumaces e a Trema, no concello de Riós, con 100 hectáreas queimadas.

O lume de Avión, parroquia de Nieva, declarouse minutos despois das 17 horas e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 4 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 5 avións.

Despois de estabilizar o sábado o incendio de Larouco, o máis grande da historia de Galicia tras queimar 30.000 hectáreas, os servizos de extinción tentan estabilizar tamén o de Chandrexa de Queixa, con evolución favorable despois de 19.000 hectáreas queimadas.

Tamén está activo o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, que entrou en Ourense procedente de Porto de Sanabria, Zamora, e calcinou 4.400 hectáreas na zona onde se atopa Pena Trevinca, a montaña máis alta de Galicia.

Durante a noite do sábado logrouse estabilizar o lume no municipio lucense de Carballedo, parroquia da Cova, tras afectar a unha superficie estimada de 100 hectáreas, e este domingo pola mañá xa se deu como controlado.

Tamén pasou este domingo a situación de "controlado" o de Riós-Trasestrada, cuxa superficie queimada actualizouse a 40 hectáreas.

Permanecen estabilizados os de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 ha), A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), Carballeda de Avia e Beade (4.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha), e Vilaboa-Santa Cristina de Cobres (70 ha).

O lume que se declarou en Oia, Pontevedra, o xoves e que obrigou a activar a situación 2 e desaloxar un cámping xa está extinguido.

A vaga de incendios comezou o 8 de agosto e xa arrasou máis de 90.000 hectáreas

A vaga de incendios que empezou o 8 de agosto en Galicia arrasou xa máis de 90.000 hectáreas, segundo os datos de Medio Rural, que só informa dos lumes de máis de 20 hectáreas ou que afectan a espazos protexidos.

A pesar da mellora da situación, a Xunta mantén a situación 2 activa en toda a provincia de Ourense.

Durante as últimas horas non se realizaron novos confinamentos nin evacuacións e todas as estradas principais están abertas ao tráfico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade