Camioneiros denuncian roubos de gasóleo en Chapela
Alertan de varios roubos en vehículos aparcados nas beiravías da avenida de Redondela
As beiravías da avenida de Redondela, en Chapela, son parada e aparcadoiro habitual dos camioneiros que traballan na zona. Pero nestes días xa son menos os que se atreven a deixalos de noite, disuadidos polos roubos de gasóleo que padeceron nos últimos meses.
"Dende antes do Nadal para aquí, compañeiros que deixan o camión a fin de semana tiveron problemas de roubos de gasóleo", explica Antonio Mosquera, transportista. "A un compañeiro leváronlle mil litros, que a 1,50 euros -calcula- avaríache o mes".
Esa avaría de mil cincocentos euros fixéronlla a Braulio, que nos atende por teléfono na súa ruta por Europa. Conta que colleu o camión para saír traballar, e atopouno na reserva. Estrañoulle, e ao baixar mirar viu que "faltaba o tapón do depósito, e só quedaba gasóleo no fondo".
E ás poucas semanas frustrou un segundo intento de roubo ao volver ao camión por algo que esquecera.
"Cando chego outra vez ao camión, vexo arrancar un coche a toda velocidade, que xira en redondo e incluso salta a liña continua -relata-, e estaba o tapón do depósito completamente rebentado".
E bo se só rebentan o tapón para levar o gasóleo, di Antonio Mosquera. "Porque se furan o depósito para levalo, fanche unha avaría gorda, de moitos cartos".
Un problema crónico
As asociacións de transportistas din que os roubos son un problema crónico, que vai por vagas.
"Eu creo que esta xente, cando ve que a policía anda detrás deles, móvense a outra zona e logo volven", di Ramón Alonso, presidente de Fegatramer.
"O problema que temos é que non hai áreas seguras para aparcar -engade-. Temos que deixar os camións mal aparcados en calquera sitio, e os delincuentes aproveitan que non están protexidos para actuar".
Así que dende a federación Fegatramer reiteran a súa demanda de áreas de aparcadoiro seguras e vixiadas para camións. Calculan que só no eixe O Porriño-Vigo precisarían capacidade para pasar a noite mil vehículos.