Cae unha rede que branqueaba cartos coa compra de material para fabricar narcolanchas
Unha das empresas está en Pontevedra
En Cataluña, a Garda Civil e os Mossos d'Esquadra desmantelaron unha rede de narcotráfico que branqueaba cartos comprando material para fabricar 'narcolanchas'. Unha das empresas ás que recorrían está en Pontevedra.
Na operación detivéronse 13 persoas e comisáronse máis de tres toneladas de haxix. O grupo compraba cascos, motores e outros elementos de navegación a diferentes empresas náuticas españolas e estranxeiras para logo construír en talleres clandestinos as 'narcolanchas'.
Deste xeito, a rede podía branquear os beneficios que obtiña coa súa actividade delituosa, segundo cálculos dos investigadores máis de dous millóns de euros. Na operación, os axentes rexistraron o pasado 15 de marzo a empresa náutica situada na provincia de Pontevedra.
Na operación contra esta suposta rede de narcos, que actuaba en varios puntos de Cataluña, tamén interviñeron uns 80.000 euros en metálico e interceptaron varios transportes de haxix procedentes de África mediante 'narcolanchas', entre eles unha partida próxima ás dúas toneladas en febreiro pasado en Tossa de Mar (Xirona) e outra en Almería.
Os investigados recorrían tanto a empresas nacionais, situadas en Pontevedra, Málaga e Cádiz, como a empresas situadas en Italia, Holanda, Portugal e Suecia.
As máis de tres toneladas de haxix intervidas en total á rede terían no mercado un valor próximo aos 6,5 millóns de euros, segundo os investigadores, que detallaron que dos 13 detidos, seis ingresaron en prisión preventiva.