Desmantelada unha plantación de case 3000 plantas de marihuana en Ames
Trátase da maior plantación deste tipo en Galicia no que vai de ano
Incautáronse de 219 dispositivos de iluminación, 55 ventiladores–calefactores, 62 reguladores de potencia, 19 bidóns de fertilizante líquido, un deshumidificador e un vehículo, ademais das propias plantas e da detención do presunto autor do delito
Desmantelamento da plantación de marihuana de Ames (Garda Civil)
A Gardia Civil de Ames desmantela unha plantación de 2.862 plantas deste tipo de cánnabis, cun peso de 307 quilogramos, e detivo un varón como presunto autor dun delito contra a saúde pública e doutro de defraudación de fluído eléctrico, na fase de explotación da operación Yacosta 13.
A operación, tutelada polo Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago de Compostela, iniciouse tras teren coñecemento os efectivos desa unidade da posible existencia dunha plantación deste tipo na súa demarcación.
A Garda Civil iniciou unha investigación a fin de constatar a veracidade da información, localizar a plantación e proceder á identificación dos responsables no seu caso. No seu transcurso, grazas ao traballo de campo e á información relevante achegada pola cidadanía, os gardas civís lograron descubrir o emprazamento da plantación, obter indicios da comisión do delito e identificar o suposto responsable, e solicitaron á Autoridade Xudicial o rexistro do lugar.
Obtida a autorización, no rexistro da leira obsérvase que estaba bordeada por árbores de gran tamaño e densidade, e por abundante maleza alta, o cal facilitaba a ocultación da vivenda existente no seu interior.
Dentro da vivenda, os gardas civís atoparon catro salgas con numerosas plantas de cánnabis sativa no seu interior, todas coas paredes recubertas por un illante térmico de aluminio para incrementar o efecto invernadoiro, provistas de sistemas de iluminación, calefacción, ventilación e rega co obxecto de favorecer o crecemento e incrementar a produción das plantas.
A Garda Civil procedeu á detención do suposto responsable da plantación como presunto autor dun delito contra a saúde pública e outro de defraudación de fluído eléctrico, dado que todos os sistemas se atopaban conectados á rede eléctrica sen o correspondente aparello contador, e a incautarse dos efectos atopados e do vehículo presuntamente utilizado para a comisión do ilícito.
De feito, incautáronse de 219 dispositivos de iluminación, 55 ventiladores–calefactores, 62 reguladores de potencia, 19 bidóns de fertilizante líquido, un deshumidificador e un vehículo.
A operación Yacosta 13 prodúcese un mes despois da denominada Smell, hai un mes, o 11 de novembro deste ano, en que se incautaron de máis de 1500 plantas de cánnabis en dúas naves de Oroso e O Pino e na que acabaron seis persoas detidas.