Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cae o Goberno do primeiro ministro francés, François Bayrou, nunha moción de confianza

Cae o Goberno do primeiro ministro francés, François Bayrou, nunha moción de confianza

Macron nomeará primeiro ministro nos vindeiros días

A esquerda reclama cohabitación e a extrema dereita pide eleccións anticipadas

O Parlamento francés debate a cuestión de confianza pola que pode caer o Goberno de Bayrou

O primeiro ministro François Bayrou intervén durante o debate da súa moción de confianza. REUTERS/Benoit Tessier
G24.gal 08/09/2025 18:30 Última actualización 08/09/2025 20:28

O presidente francés, Emmanuel Macron, perdeu este luns ao seu cuarto primeiro ministro desde xaneiro de 2024. François Bayrou, de 74 anos, non superou a moción de confianza que el mesmo promoveu e viu como a Asemblea Nacional tombaba o seu Executivo con 364 votos en contra fronte a 194 a favor.

Trátase do primeiro goberno da V República que cae por unha moción de confianza.

Bayrou presentará este martes a súa dimisión a Macron, tras nove meses en Matignon. Antes caeron Elisabeth Borne (xaneiro de 2024), Gabriel Attal (setembro de 2024) e Michel Barnier (decembro de 2024), converténdose así no cuarto xefe de goberno que desfila polo Elíseo desde o inicio do segundo mandato presidencial, en maio de 2022.Austeridade e crítica á oposición.

No debate parlamentario, Bayrou advertiu da “inexorable realidade” da débeda, que cifrou en 3,4 billóns de euros, e pediu un recorte de 44.000 millóns no déficit para 2026. Alertou de que Francia corre o risco de afundirse se non cambia de rumbo e reprochou á oposición que “ten poder para tombar ao Goberno, pero non para borrar a realidade”.

A esquerda reclama gobernar

O líder socialista Boris Vallaud acusou a Bayrou de “falsas promesas” e a Macron de ser responsable da crise política e económica, á vez que proclamou que “agora tócalle á esquerda gobernar”. A presidenta do grupo EcoloXista e Socialista, Cyrielle Chatelain, instou a Macron a aceptar a cohabitación e nomear un primeiro ministro da Nova Fronte Popular.

Varios partidos reclaman eleccións anticipadas

A ultradereitista Marine Le Pen e Mathilde Panot, de Francia Insubmisa, sinalaron a Macron como principal culpable da crise e esixiron eleccións anticipadas.

Le Pen advertiu que un novo primeiro ministro “caerá antes de decembro” e pediu a disolución da Asemblea Nacional. Panot reclamou directamente a dimisión de Macron e anunciou unha moción de destitución sen perspectivas de prosperar.

Macron, nomeará substituto nos vindeiros días

O presidente francés, Emmanuel Macron, nomeará "nos próximos días" un novo primeiro ministro para suplir a François Bayrou.

O presidente descarta, de momento, a convocatoria de eleccións lexislativas anticipadas, como pedía a oposición ultradereitista.

Nun comunicado, a presidencia francesa informou ademais de que "aceptará" a dimisión que Bayrou presentará  este martes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade