Publicador de contidos

Publicador de contidos

Caballero repite en Vigo maioría absoluta pero perde un concelleiro

Caballero repite en Vigo maioría absoluta pero perde un concelleiro

Revalida a alcaldía con 19 concelleiros dos 27 da corporación municipal

G24.gal 28/05/2023 21:53 Última actualización 29/05/2023 01:07

O alcalde de Vigo Abel Caballero revalidou este domingo a maioría absoluta que en 2019 o converteu no rexedor máis votado entre as localidades con máis de 200.000 habitantes.

Finalizado o escrutinio, o Partido Socialista que encabeza conseguiu 19 dos 27 asentos do pleno, un menos que nos anteriores comicios pero aínda cinco máis dos 14 que marcan a maioría absoluta, o que evidencia o pouco desgaste que a acción de goberno tivo en Caballero, tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O Partido Popular, que nas anteriores eleccións, con catro concelleiros, cultivou o peor resultado da súa historia na cidade, consegue agora, encabezado por Marta Fernández-Tapas, sumar un máis para seguir sendo o principal partido da oposición.

O BNG, pola súa banda, convértese na terceira forza no pleno ao pasar dun a tres concelleiros, mentres que Marea de Vigo, que tiña dous concelleiros, quedará sen representación ao non lograr superar a barreira do cinco por cento tras concorrer en coalición con Podemos.

Con este resultado, Caballero suma a súa terceira maioría absoluta consecutiva e o seu quinto mandato desde que gañou as súas primeiras eleccións en 2007.

Entón gobernou en coalición co BNG e fíxoo en solitario e en minoría na seguinte lexislatura para, a partir de entón, encadear tres maiorías absolutas coa que conseguiu hoxe. 

Abel Caballero

O rexedor vigués considera o resultado de importancia capital e asegura que, na historia democrática de España, "non hai un só resultado igual".

"Isto é dunha importancia capital. Tres maiorías absolutas contundentes seguidas, cinco maiorías de Goberno e a cidade continúa o cambio, continúa o avance, segue navegando co rumbo posto cara á estrela polar. Pero, non hai un só resultado na historia democrática de España igual ao que hoxe acabamos de ter na cidade de Vigo. En ningunha gran cidade".

Marta Fernández Tapias

O Partido Popular contará con cinco concelleiros na nova corporación, un máis dos que tiña ata agora. Marta Fernández Tapias salientou o incremento dos apoios recibidos como un sinal dun novo ciclo do seu partido na cidade.

"Publicamente expreso a miña felicitación. Vigo falou, falaron as urnas e fíxoo libremente e con claridade". "Acollemos esta mellora con satisfacción, tímida satisfacción, por suposto, pero tamén con moito realismo. Avanzamos, e aínda queda moito camiño por diante para recuperar ese papel referencial que debe ter o PP".

O Bloque Nacionalista Galego pasou a ser a terceira forza política da corporación de Vigo, ao triplicar a súa representación Moi satisfeito, o candidato Xavier Pérez Iglesias atribuiu os resultados ao labor de oposición e manifestou a intención do BNG de seguir avanzando: "Un resultado que supón un aval claro, contundente ao inmenso traballo que realizamos nos últimos catro anos, onde a pesar de ter un único asento no salón de plenos exercemos de verdadeira oposición, unha oposición en positivo".

Podemos-Marea de Vigo desaparece da corporación de Vigo. Quedou sen representación cando tiña dous concelleiros. O seu candidato, Ruben Pérez, asegurou que todos os integrantes da corporación teñen que reflexionar tras estes malos resultados: "É un resultado malo, é evidente; todo o que para nós era estar fóra da corporación era perder visibilización. Nós iniciamos esa reflexión porque nesta cidade ten que seguir habendo un bloque de esquerda crítica".

Coa desaparición de Marea, a corporación volve á situación anterior ás municipais de 2015, coa presenza de só 3 formacións políticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade