Publicador de contidos

Publicador de contidos

Topan preto do cabo Prior o coche do home desaparecido en Ferrol dende o venres

Topan preto do cabo Prior o coche do home desaparecido en Ferrol dende o venres

Tamén buscan, en Arteixo, unha muller de 81 anos en paradoiro descoñecido dende o xoves

G24.gal 15/02/2025 16:23 Última actualización 15/02/2025 20:15

Localizan preto do Cabo Prior, na parroquia de Covas, o vehículo de Jesús Óscar López Frieiro, un veciño de Ferrol desaparecido dende o venres. Agora, os labores de busca céntranse nesta zona. 

No operativo por terra participan a Garda Civil, a Policía Nacional e Local, Protección Civil e os bombeiros. A procura por mar e aire está a ser coordinada polo Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo da Coruña.

Este sábado, a asociación SOS Desaparecidos activou unha alerta para tentar dar co paradoiro deste home de 52 anos, ao que se lle perdeu a pista tras montar no seu coche, un BMW i8 de cor negra.

A plataforma difundiu en redes sociais imaxes do desaparecido, de complexión normal, 1,72 metros de estatura, co pelo negro e os ollos castaños.

Desaparecida en Arteixo

Tamén continúa a busca de María Encarnación Juncal, que desapareceu o xoves pasado na Pastoriza, unha parroquia de Arteixo onde vive o seu fillo. Este venres, unha antena no lugar da Furoca captou por última vez o sinal do seu móbil.

Dende as 10:00 da mañá deste sábado, axentes da Garda Civil e da Policía Local, membros de Protección Civil, familiares e mais a veciñanza buscaron sen éxito esta muller de 81 anos, 1,50 de estatura, 70 quilos de peso e o pelo gris.

Ao dispositivo, que se centrou na Pastoriza, sumáronse os cans de salvamento e rescate de Galicia e o equipo de drons do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade