Buscan un mariñeiro xubilado de 84 anos que desapareceu na ría de Aldán
A Garda Civil atopou a súa barca baleira e á valga

Un operativo por terra, mar e aire busca un mariñeiro que está desaparecido desde esta mañá na ría de Aldán.
Trátase dun mariñeiro xubilado de 84 anos natural de Beluso, Bueu, que na mañá do venres cedo saíu pescar luras canda outro veciño, tamén con experiencia.
Arredor das 7 da mañá, os dous homes partiron desde a praia do Ancoradoiro, en Cabo Udra, por separado en cadansúa embarcación e en direccións opostas no medio dun gran neboeiro.
Cando os mariñeiros conviñeran reencontrarse, sobre as 9, ao ver que non se presentaba o seu compañeiro, o outro home dirixiuse cara á zona de Punta Couso, na ría de Aldán, onde finalmente atopou o seu bote de remos baleiro pero con todos os seus aparellos e a roupa de augas a bordo.
Medios da Garda Civil, de Protección Civil, das Policías Locais de Bueu e Cangas, barcos de Salvamento Marítimo e o helicóptero Pesca 1 dos Gardacostas de Galicia revisan a zona desde que se deu aviso da desaparición, polo de agora, sen éxito.