Buscan o home que atracou unha oficina bancaria en Melide
Entrou na oficina coa cara descuberta e unha arma na man que non se sabe se é real ou simulada
As cámaras de seguridade gravaron a un home duns 55 anos, 1,60 de altura, moreno, con barba e de complexión forte
Uns 55 anos, 1,60 de estatura, complexión forte, barba, pelo curto e moreno. Vestía un chándal negro e levaba unha arma. Non se sabe se real. Pero actuou dun xeito tan discreto e tan rápido que a única clienta que estaba dentro nin se decatou do que estaba pasando.
"Xa ía apurada e non me daba tempo de facer a xestión e dixen bos días, moi expresiva como son eu, e o mozo non me contestou. Non me pareceu raro porque estaba coa persoa que tiña diante de min", relata Lidia.
A persoa era o suposto atracador e o mozo, o traballador da oficina a quen lle tocou atendelo, o único que soubo do que pasaba. Nin Lidia, nin os outros tres empregados que estaban na oficina, incluído o director, sospeitaron nada ata que o home marchou cos cartos.
"De repente, escoitei un asubío, pero tampouco pensei que era nada grave, nin a alarma. E xa saíron e volveron entrar con nervios, facendo ruído e espaventos, preguntando que pasou?", engade Lidia.
Saíron tras el, pero esfumouse.
"Falouse que marchou nun taxi pero non debía ser de aquí porque falando cos compañeiros ninguén o levou. Debía ter un taxi esperando máis atrás", aventura un taxista, que teñen a parada ao pé do banco.
A Garda Civil, encargada da investigación, sospeita que fuxiu cara a Santiago. De aí que se montaran controis en que mesmo colaborou a Policía Nacional no centro da cidade. A mellor pista quedou gravada na cámara de seguridade.
"Que entre a cara descuberta é moi estraño. Ten que ser unha persoa que non lle importe nada ou que non estea ben da cabeza", comenta outro cliente do banco.
Tan descarado coma discreto e eficaz. Conseguiu catro mil euros sen facer ruído, algo do que Lidia se alegra.
"Mellor así porque non sabes como podes reaccionar e pódeste por nerviosa ou polo a el nervioso", celebra a única clienta que presenciou o atraco.
Hoxe, a oficina abriu con normalidade. Por suposto, co asalto como tema case único de conversación entre os clientes.