Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buscan con drons en Fisterra o veciño de Frades desaparecido

Buscan con drons en Fisterra o veciño de Frades desaparecido

O operativo de busca céntrase en Fisterra, logo de que un taxista informase de que trasladara alí o home desaparecido

José Antonio Carro Lata, de 69 anos, faltou da súa casa na parroquia fradense de Papucín

G24.gal 24/04/2025 10:11

A Garda Civil trasladou a Fisterra o operativo de busca de Antonio Carro Lata, o veciño de Frades desaparecido. Foi logo de que un taxista de Ordes informase de que levou o home ata alí. Foi, supostamente, o mesmo día da súa desaparición e baixou do taxi no faro.

Nun primeiro momento buscárono na área de Frades, Ordes e Mesía, onde supostamente fora visto a tarde da desaparición. Pero a investigación deu un xiro cando souberon que José Antonio collera un taxi ata Fisterra. Unha vez comprobado que non se hospedara nos aloxamentos da vila, a busca céntrase na zona de costa. 

Catro patrullas da Garda Civil percorren a costa, unha delas do Seprona con motos, ademais do servizo aéreo da Benemérita. Tamén hai drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), unha patrulla da Policía Local e outra de Protección Civil.

José Antonio Carro saíu da súa casa na parroquia de Papucín, en Frades, o martes 22 de abril á media mañá. Vestía pantalón gris, camisa de cadros e chaqueta azul escuro. Mide 1,70 e é de complexión forte.

"O que estamos realizando é busca aérea e pola costa", explica o tenente Juan Alberto Sueiro. Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e Emerxencias Galicia teñen efectivos despregados no operativo, por terra e aire. Controlan toda a liña de costa e as praias, por se as correntes puideran traer algunha pista para intentar localizar a José Antonio, de 69 anos. De momento non hai novidades, e todas as hipóteses están abertas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade