Bruxelas ratifica o acordo pesqueiro con Mauritania
O acordo asegura cinco anos de traballo para 16 barcos de Marín e Ribeira
Son buques de fresco e conxeladores que capturan pescada negra e palometa
A frota comunitaria pode pescar 290.000 toneladas de peixe ao ano no país africano
O apoio maioritario da Eurocámara pon punto e final á tramitación do acordo pesqueiro con Mauritania. Un acordo que se viña aplicando desde novembro e que permite que a frota comunitaria capture ata 290.000 toneladas de peixe ao ano a cambio duns 60 millóns de euros para o país africano.
"É o principal acordo da Unión Europea con países terceiros. Para nós o importante é que aporta estabilidade para poder programar a actividade das frotas implicadas nestas pesqueiras nos próximos cinco anos, ata o ano 2026" explica Juan Martín Fragueiro, o director xerente de Opromar.
O acordo asegura o traballo de 10 barcos de fresco e 6 conxeladores dos portos de Marín e Ribeira. Unha frota que poderá pescar neste caladoiro ata 17.000 toneladas ao ano de especies como a pescada negra, a palometa, o choco ou a lura.
"Os barcos arrastreiros do fresco descargan todas as semanas na capital de Mauritania, durante as 52 semanas do ano, salvo que o barco estea en reparación, e ese peixe vai por vía terrestre despois ata a Lonxa de Cádiz" di o xerente de Opromar.
O sector valora a estabilidade que lles dá o acordo, pero non renuncia a melloralo nas vindeiras comisións mixtas, coa idea de facelo máis rendible e operativo para a frota galega.