Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas propón reducir un 10% o consumo de electricidade

Bruxelas propón reducir un 10% o consumo de electricidade

Tamén proporá limitar os ingresos das compañías eléctricas cun tope no mercado eléctrico

Está previsto que se anuncien as medidas este mércores

G24.gal 13/09/2022 18:06 Última actualización 13/09/2022 18:51

A Comisión Europea presentará este mércores unha proposta lexislativa para que os países da UE reduzan o seu consumo medio de electricidade un 10 % e que ese aforro sexa de polo menos un 5 % en horas punta, segundo informaron hoxe a EFE fontes europeas.

Ademais dese aforro en electricidade, o Executivo tamén propoñerá limitar os ingresos das compañías eléctricas, establecendo un tope no mercado eléctrico de entre 180 e 200 euros o megawatt hora para a xeración de orixe renovable, nuclear e con lignito, agregaron as fontes.

A terceira medida que prepara Bruxelas sería un imposto sobre os beneficios extraordinarios de compañías de combustibles fósiles (petróleo, gas, carbón e sector da refinería), que tamén están a agrandar as súas ganancias grazas aos elevados prezos do gas.

O tipo desta “contribución de solidariedade”, tal e como lle chaman as autoridades comunitarias, sería do 33 %, segundo un borrador da normativa que publicou o medio francés ‘Contexte’.

O obxectivo desas propostas lexislativas -debatidas xa este martes polos comisarios- é abaratar o prezo da enerxía ante a escalada de prezos do gas e a electricidade causada en gran parte pola invasión de Rusia sobre Ucraína o pasado febreiro.

O Executivo comunitario ten previsto anunciar as medidas este mércores durante o discurso do estado da Unión que a presidenta Ursula von der Leyen pronunciará ante o pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo.

Tras este anuncio, abrirase un período de negociación de varias semanas e a intención dos socios comunitarios é chegar a un acordo na reunión extraordinaria de ministros de Enerxía convocada o venres 30 de setembro en Bruxelas.

Os estados membros tamén debateron o pasado venres a posibilidade de fixar un tope ao prezo do gas importado desde Rusia, pero recoñeceron que queda "traballo por facer" sobre esta cuestión, tamén para determinar se dito límite podería afectar a outros provedores como Alxeria ou Noruega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade