Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas non imporá veto á pesca de arrastre nas zonas protexidas

Bruxelas non imporá veto á pesca de arrastre nas zonas protexidas

A UE pretende fixar unha folla de ruta para abordar o impacto dese tipo de pesca sobre a base dun "diálogo"

Trataríase dunha recomendación para que despois os estados membro da Unión Europea decidan como aplicala

A frota galega acolle con escepticismo a nova postura de Bruxelas

G24.gal 03/04/2023 18:32 Última actualización 03/04/2023 21:39

A Comisión Europea non ten previsto impoñer o veto á pesca de arrastre en todas as zonas mariñas protexidas, senón que pretende fixar unha "folla de ruta" para abordar o impacto dese tipo de pesca sobre a base dun "diálogo". Isto é o que explicou este luns o voceiro de pesca da Comisión Europea, Adalbert Jahn.

O pasado domingo houbo unha xuntanza entre o responsable europeo de Pesca, Virginijus Sinkevicius, representantes do sector pesqueiro francés e o secretario de Estado do Mar de Francia, Hervé Berville. O voceiro de pesca da Comisión Europea indicou que a cita "foi unha oportunidade para discutir co sector certos obxectivos ademais de poder "aclarar algúns malentendidos".

Tamén se afondou no plan de acción que prepara Bruxelas e que abordará retos moi importantes do sector pesqueiro" como a degradación da contorna mariña, a dependencia dos combustibles fósiles ou como se poden garantir unhas "condicións equilibradas" con terceiros países.

Sobre a pesca de fondo, o voceiro sinalou que o obxectivo do plan é "comezar un diálogo coas autoridades nacionais e rexionais, e tamén co sector nos vindeiros doce meses para ter unha folla de ruta ata 2030. Nese camiño haberá que atopar solucións sobre o impacto da pesca de arrastre, pero "non con obxectivos vinculantes neste momento nin con lexislación, senón cunha invitación ao diálogo".

Debate do pasado mes de marzo

No primeiro debate dos ministros sobre ese conxunto de propostas, que tivo lugar o pasado mes de marzo, unha maioría de países como España, Francia ou Alemaña, desbotaron a idea de prohibir a pesca de arrastre en todas as áreas mariñas protexidas da UE para 2030 e alertaron do impacto económico para o sector cunha medida de tanto alcance.

"Se esta proposta chegase a levarse á práctica, estariamos condenando a pesca artesanal francesa e europea, e non de aquí a vinte anos, senón mañá mesmo", dixera daquela o secretario de Estado francés encargado do Mar, Hervé Berville.
 

Reaccións do sector pesqueiro

O sector pesqueiro galego non se fía do comisario. Os armadores din que Sinkevicius fala unha cousa ou a outra en función de quen sexa o seu interlocutor. Aseguran que a realidade é que o plan de acción, que aumentará as áreas restrinxidas ao arrastre, segue aínda enriba da mesa.

"Si é así, non entendemos porque non o retiran? manteñen o plan igualmente... aquí algo falla, é un problema grave e pensamos que a Comisión Europea está xogando ao despiste", di Edelmiro Ulloa, xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo ARVI. 

Dende o Goberno español, que asumirá a presidencia europea no segundo semestre, enténdense as palabras do comisario como unha rectificación, xa que asume a posición maioritaria dos países membros.

"Eu penso que a mensaxe é moi clara, sostibilidade si pero que pase pola rendabilidade da actividade pesqueira e pola sostibilidade social e territorial" dixo Luis Planas, ministro de Agricultura.

O debate segue aberto e non haberá directiva sen a codecisón do Consello e o Parlamento europeos. Con todo, dende o sector advirten que non vai variar a estratexia de biodiversidade da comisión, que prevé no futuro máis restricións para a pesca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade