Bruxelas endurece medidas: propón conxelar os activos do Banco Central de Rusia
Exclúe tamén algúns bancos do sistema de pagos SWIFT
Os oligarcas rusos non poderán utilizar os seus activos nos mercados europeos
A UE prepárase para pechar o espazo aéreo ás aeroliñas rusas

A Comisión Europea proporalles aos países da Unión unha nova batería de sancións contra Moscova: inclúe paralizar os activos do Banco Central de Rusia para evitar que Putin poida financiar a guerra, excluír varios bancos rusos do sistema SWIFT de pagamentos interbancarios e evitar que os oligarcas rusos utilicen os seus activos nos mercados europeos.
"As medidas prexudicarán de xeito significativo a capacidade de Putin para o financiamento da guerra. Terán un impacto erosivo na economía. Putin embarcouse na destrución de Ucraína, pero tamén o que está a facer é destruír o futuro do seu propio país", afirmou esta noite nunha declaración a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen.
As medidas que supoñen un endurecemento significativo da resposta internacional á invasión rusa de Ucraína aplicaranse en coordinación estreita cos líderes dos Estados Unidos, Francia, Italia, o Canadá e o Reino Unido, engadiu.
A este acordo xa se comprometeron tanto a UE coma os Estados Unidos, que expulsarán do sistema SWIFT determinados bancos rusos. "Asegura que estas entidades estean desconectadas do sistema financeiro internacional e danará a súa capacidade de operar de xeito global", asegura a Casa Branca nun comunicado, asinado polos líderes da Comisión Europea, Francia, Alemaña, Italia, o Reino Unido e o Canadá.
Ademais destas medidas e do envío de material bélico a Ucraína, a UE prepárase para pechar o seu espazo aéreo ás aeroliñas rusas. O sábado xa anunciaron esta sanción distintos países, sobre todo do leste europeo, Polonia, Bulgaria, Romanía, República Checa, Lituania, Estonia e Letonia, aos que tamén se sumou Alemaña. Fontes comunitarias apuntan que a UE seguirá este paso pero falta a aprobación dos ministros.