Bruxelas "conxela" a prohibición da pesca de fondo en 94 áreas de augas comunitarias
Os estados membros autorizan a prohibición en áreas concretas, pero Bruxelas non a levará adiante de xeito inmediato
A pesca de arrastre por baixo dos 800 metros xa está prohibida desde hai seis anos.
Daquela a Comisión comprometeuse a estudar e protexer tamén as zonas máis vulnerables entre os 400 e os 800 metros.
"Niso estamos agora. Pero con iso o sector non ten problema", di Iván López, Presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo.
Iván López non critica que se protexan áreas concretas, pero si que se estenda moitísimo a superficie protexida sen saber se realmente hai algo que protexer.
"Tívose en conta o impacto dos peches na frota arrastreira, pero non noutras, e van ser os palangreiros os que teñan maior prexuízo, nalgúns casos ata o 75 por cento das capturas", engade Iván López.
Os palangreiros de Gran Sol, que usan pedras para lastrar os aparellos e traballan nos cantís, serían os máis prexudicados; en Galicia sobre todo Celeiro e Burela.
O sector quéixase de que a Comisión actúa sen datos científicos que avalen o seu proteccionismo.
"A primeira finalidade de todo isto non é ambientalista senón puramente propagandística", conclúe o presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo.