Bota a andar o novo proxecto do Deportivo Abanca
O obxectivo é o de pelexar por unha das tres prazas de ascenso
Profunda renovación con troco de adestradora e nove xogadoras novas
O Deportivo Abanca bota a andar a temporada 22-23 cun proxecto moi renovado. Logo da decepción da temporada pasada, que a piques estivo de rematar en desfeita cun descenso á terceira categoría do fútbol feminino español, a dirección deportiva decidiu cambiar o rumbo. Chega unha nova adestradora, Irene Ferreras, e nove xogadoras para reforzar un plantel no que se manteñen dez do ano pasado.
As incorporacións son as porteiras Lucía Alba (Rácing de Santander) e Yohanna (Raio), as defensas Lorena Reina (Oviedo) e Samara (Brondby). No centro do campo chegan Henar (Rácing de Santander) e Leti Sevilla (Levante Las Planas) e para a dianteira as novas facianas serán Carlota Suárez (Oviedo), Milene (Raio) e Marta (Parquesol).
O formato da liga cambiou moito e será moi esixente. Configúrase cun só grupo de 16 equipos dos cales o primeiro ascende directamente e do segundo ao quinto pelexarán nun play off polas outras dúas prazas. Para o descenso baixan cinco equipos, unha porcentaxe moi grande dos que participan.