Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bombeiros de Ferrol agardan coñecer a súa misión en Turquía

Bombeiros de Ferrol agardan coñecer a súa misión en Turquía

A súa misión cancelouse cando xa tiñan todo listo para saír cara á zona do sismo

G24.gal 08/02/2023 14:47

Bombeiros de Ferrol tiñan todo preparado para viaxar con Lola e Anka, dúas das cadelas da Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, que canda os seus guías ían intentar salvar vidas en Turquía, pero a misión cancelouse.

O xefe dos Bombeiros de Ferrol, Aureliano Bacelo, explica que "a ONU decidiu que xa non era operativo levar cans. Coa chegada masiva de equipos de rescate e de procura non se da desprazado á zona de traballo".

O equipo respondía á chamada da ONG Salvamento, Axuda e Rescate desprazada coa ONU á zona do terremoto.

Aureliano engade que "nos próximos días dirán se imos facer rescates, de apoio ou algún relevo do persoal que xa está alí. Temos persoal adestrado en rescate e desentullo, con material hidráulico para mover pezas con peso considerable". Queren sumar esforzos desde Galicia. As necesidades son tremendas.

"A axuda médica é moi importante. Estamos pedindo que se abran as fronteiras, que poidan chegar medicamentos para seguir apoiando os hospitais, pero tamén tendas de campaña, material de primeiro abrigo, roupa, comida", di o coordinador de Médicos Sen Fronteiras para Siria, Francisco Otero.

É dar resposta a milleiros de persoas que están na rúa sen saber onde ir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade