Betanzos denuncia unha vertedura de augas fecais no río Mendo
Investigan se ten relación co gromo de gastroenterite na vila
Técnicos de Viaqua e da Policía Local de Betanzos tomaron mostras da vertedura detectada no río Mendo, preto do punto de captación de auga do que se abastece a vila. E intentaron seguir o seu rastro río arriba para dar coa orixe.
O cheiro e o aspecto da vertedura apunta a augas fecais, pero iso saberase co resultado das análises, que poden tardar dous ou tres días.
Cando teña os resultados, o Concello presentará unha denuncia no xulgado.
"Cando menos é un atentado ambiental, o que non sabemos é se pode ser tamén contra a saúde pública", apuntaba a alcaldesa en funcións María Barral.
Non se descarta que poida ter relación co gromo de gastroenterite que causou máis de 400 casos e mantén restrinxido o uso da auga da billa desde hai tres semanas na vila ao detectarse a presenza dun noravirus.