Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro, revalidará o seu liderado á fronte do PSdeG: "Asúmoo con enorme responsabilidade"

Besteiro, revalidará o seu liderado á fronte do PSdeG: "Asúmoo con enorme responsabilidade"

O tamén portavoz parlamentario do PSdeG terá ata as 12:00 horas do próximo 27 de xaneiro para recoller os avais necesarios para que a súa candidatura sexa proclamada, que, segundo o regulamento, fíxanse nun 12 % do censo de militantes

O PSOE expulsa o portavoz do grupo municipal en Santiago, Gonzalo Muíños, por "indisciplina reiterada"

Álvaro Ballesteros-Europa Press-Arquivo
G24.gal 17/01/2025 12:04 Última actualización 17/01/2025 14:00

O actual secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, revalidará o seu liderado no marco do XV Congreso do PSdeG tras ser o único candidato que se postulou nas primarias da formación. O prazo de presentación de candidaturas, que arrincou o pasado luns, finalizou ás 12:00 horas deste venres sen que ningún outro militante do Partido Socialista decidira competir.

Agora, o tamén portavoz parlamentario do PSdeG terá ata as 12:00 horas do próximo 27 de xaneiro para recoller os avais necesarios para que a súa candidatura sexa proclamada, que, segundo o regulamento, fíxanse nun 12 % do censo de militantes, o que supón unhas 1.200 firmas. Trátase do dobre que o esixido en anteriores procesos, tras os cambios no regulamento aprobados no último congreso federal.

Besteiro xa foi nas anteriores primarias que o partido celebrou no marco do Congreso Extraordinario do pasado ano o único socialista que se postulou á secretaría xeral. Previamente, no proceso interno para elixir o candidato á presidencia da Xunta, foi o único que reuniu os avais necesarios, tendo en conta que a outra persoa que chegou ao final do proceso, o militante coruñés Manuel Losada, quedou lonxe de reunir a cifra mínima esixida. Naquel proceso, o exsecretario xeral Gonzalo Caballero decidiu retirarse.

José Ramón Gómez Besteiro, confirmado como líder da formación ao ser o único candidato ao cargo, afirmou este venres que asume o posto "con enorme responsabilidade" e reiterou a súa "grande ilusión" pola nova etapa que abre o partido.

En declaracións aos medios en Ferrol, subliñou o "referendo automático da militancia, case 10.000 persoas", e destacou que afronta esta tarefa "con máis ilusión se cabe" e co obxectivo de "traballar por unha Galicia en positivo e que non se deixe vencer".

Ante o monumento ao ferrolán Pablo Iglesias, fundador do grupo socialista e da UXT, reivindicou os "principios inspiradores" do seu partido a prol de "construír unha Galicia máis forte cun PSOE máis unido".

Segundo o secretario xeral dos socialistas galegos, "soamente" cun PSdeG-PSOE "máis forte poderá haber unha alternativa ás políticas de dereitas do PP" na Xunta de Galicia.

Precisamente, Gonzalo Caballero anunciou na xornada do xoves que non concorría ás primarias que os socialistas teñen en marcha ao considerar que "non se daban as condicións necesarias" para facer fronte a unha renovación no partido debido á "acumulación de cargos do aparello ao redor da candidatura" de Besteiro, un feito que cre que impide que o partido poida facer fronte aos cambios necesarios para reverter os resultados electorais. Así as cousas, tras o pertinente prazo de recursos, terá lugar a proclamación definitiva da súa candidatura, que poderá ser, como moi tarde, o 30 de xaneiro.

Congreso extraordinario o 8 de marzo

A diferenza do anterior Congreso Extraordinario, no que a formación conformou unha nova dirección pero non afrontou a renovación dos seus documentos, nesta cita ordinaria o PSdeG si encarará a renovación do seu ideario e as súas normas internas. 

Tamén se elixirá a nova executiva, que acompañará a Besteiro nos próximos catro anos á fronte da formación. No aire está saber se Besteiro introducirá cambios ou apostará por dar continuidade ao equipo do que se rodeou no ano pasado no congreso extraordinario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade