Besteiro reivindica un centro público de atención a persoas con discapacidade en Ourense
Besteiro reivindica un centro público de atención a persoas con discapacidade en Ourense
O BNG advirte da "crueldade" que supón externalizar o servizo e anuncia que o partido volverá levar esta petición ao Parlamento
O PSdeG e o BNG esixiron esta tarde á Xunta de Galicia que "rectifique" e que o futuro centro para maiores de 21 anos con discapacidade de Ourense, Procapd, sexa de xestión pública.
Os dous portavoces trasladaron esta petición -tal e como reclaman as familias- en senllas comparecencias de prensa ofrecidas nun céntrico hotel da capital ourensá, polos dous portavoces galegos, José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón, antes de participar nunha concentración organizada pola asociación que representa as familias dos mozos con discapacidade para dar a coñecer as súas demandas.
En primeiro lugar, Pontón criticou en declaracións aos medios os anos de "demora" que acumula o proxecto e esixir a xestión pública tal e como comprometera, segundo a nacionalista, inicialmente o PP, e esixiu "unha rectificación" por parte de Rueda a fin de "frear esta discriminación" coa provincia.
"Por que o goberno de Rueda pretende discriminar ás familias de Ourense negándolles un servizo público que teñen outras provincias", preguntou a portavoz nacionalista, en referencia a que os outros centros, situados nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, si son de xestión pública; para acto seguido criticar o "empeño privatizador" do PP ao "antepoñer o negocio aos coidados e benestar das persoas".
Tras advertir da "crueldade" que supón externalizar o servizo, anunciou que o BNG volverá levar esta petición ao Parlamento co fin de que as familias ourensás poidan contar cun centro "público e de xestión pública". "Porque nin os dereitos nin as persoas con discapacidade son un negocio".
Pola súa banda, o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu minutos despois para criticar os "malos tratos" da Xunta cara ás persoas con discapacidade tras advertir de que a única opción que teñen é "desprazarse máis de cen quilómetros" para poder gozar dun centro público.