Besteiro: "O proxecto top de economía circular" de Ence nas Pontes non consumirá "nin un gramo de árbore"
Besteiro: "O proxecto top de economía circular" de Ence nas Pontes non consumirá "nin un gramo de árbore"
Marca diferenzas co proxecto de Altri en Palas de Rei: "é unha macrocelulosa, e en Galicia xa sabemos os efectos da produción de celulosa"
O líder do PSdeG cuestiona o liderado de Rueda e acúsao de actuar como "un subalterno de Feijóo máis que como presidente de Galicia"
O secretario xeral do PSdeG asegura que existe "unha diferenza notoria" entre os proxectos de Altri en Palas de Rei e o de Ence nas Pontes. Nunha entrevista no Bos días da Televisión de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro advertiu de que o proxecto da multinacional portuguesa "é unha macrocelulosa, e en Galicia xa sabemos os efectos da produción de celulosa", mentres que a proposta de Ence para crear unha planta de biofibra reciclada branqueada as Pontes é "un proxecto top da economía circular" que non vai consumir "nin un gramo de árbore, nin de eucalipto nin doutra especie".
Besteiro dixo non ter información oficial en canto a posible aprobación de financiamento público por parte do Estado, a través dos fondos europeos, para dar resposta ás necesidades de subministración enerxética para poñer en marcha estas industrias, pero cre que "é máis previsible que se poida cumprir" no caso do proxecto das Pontes.
Críticas a Rueda
Nesta mesma entrevista Gómez Besteiro cuestionou "a falta de liderado" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do que dixo que actúa como "un subalterno de Feijóo máis que como presidente de Galicia". Acusou a Rueda de "renunciar a captar investimentos para Galicia" na Conferencia de Presidentes celebrada en Barcelona, na que o presidente Sánchez ofreceu triplicar o investimento do Goberno en vivenda.
Besteiro tamén cuestionou a actuación do presidente da Xunta no caso que afecta o exconselleiro do Mar Alfonso Villares: "A mensaxe que se trasladou foi unha mensaxe brutal para as vítimas; que non conten co presidente da Xunta ante situacións similares".
Avances en materia ferroviaria
O líder dos socialistas galegos asegurou tamén que logo da "parada do Goberno Rajoy" en materia de infraestruturas ferroviarias, o Goberno central incrementará os investimentos para mellorar o servizo en Galicia.
En clave estatal, Gómez Besteiro cualificou de "caso artificial" o proceso contra o fiscal xeral do Estado. Cre que "está máis que acreditada a inocencia" de García Ortiz, porque hai unha ausencia total de probas.
Sobre a petición do PP para que Pedro Sánchez renuncie á presidencia e convoque eleccións, Besteiro asegurou que o executivo "está funcionando e en marcha", e que lle gustaría que en Galicia houbese "un Goberno similar, e non ausente, que responda aos problemas" dos galegos.