Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno non abordará polo momento o rescate da AP-9

O Goberno non abordará polo momento o rescate da AP-9

Di que o ditame da Comisión Europea sobre a ilegalidade da prórroga da concesión non é definitivo e aínda pode recorrer contra el

Mantense no plan de bonificacións a usuarios recorrentes 

G24.gal 18/07/2025 14:13

O Goberno asegura que aínda pode responder ao ditame da Comisión Europea e polo momento non aborda a posibilidade de rescatar a AP-9. Insiste en que foi unha prórroga aprobada polo Partido Popular. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou que o Goberno vai seguir ao lado dos usuarios e no camiño cara á gratuidade, sobre todo para os usuarios recorrentes.

O BNG pídelle ao Goberno central que acate a normativa e rescate a autoestrada. "Faría mal levando este proceso ao ámbito xudicial. Debería recoñecer o que nos di Europa, e é que se cometeu unha ilegalidade cando Aznar ampliou durante 25 anos esta concesión", apunta Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

Os socialistas galegos defenden a baixada das peaxes cara á gratuidade. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, explica que unha hipotética declaración de ilegalidade desa concesión vai facilitar moitísimo ese rescate. "Mentres, sigamos camiño da gratuidade".

O PPdeG di que, con independencia dos movementos xurídicos, é o momento de eliminar as peaxes. 

"Parécenos unha ocasión magnífica para que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra a palabra que lles deu aos galegos: unha AP-9 plenamente galega e libre de peaxes", subliña Alberto Pazos, portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia.

A AP-9 vertebra o eixo atlántico dende Ferrol a Tui e por ela circulan máis de 110 millóns de vehículos ao ano.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade