Baleiran baixos e cortellos en Cuntis polos anegamentos; o alcalde pide non sair da casa
O Regueiro de Calvos, un pequeno afluente do río Gafos, desbordouse pola chuvia
Os servizos municipais de emerxencias axudaron os veciños a poñer obxectos e animais a salvo
As previsións estanse a cumprir no interior da provincia de Pontevedra e a chuvia intensa e sen tregua está a provocar inundacións. En Cuntis desbordouse o Regueiro de Calvos, un pequeno afluente do río Gafos. Nalgunhas casas houbo que poñer obxectos a salvo e desaloxar cortellos.
"Axudamos esta familia a poñer a salvo os animais e algúns obxectos, aquí a auga subiu un metro en cousa de media hora", dixo un membro do Servizo Municipal de Emerxencias.
"Baleiramos o baixo porque xa estamos a afeitos, non é a primeira inundación que vemos aquí", conta un dos afectados.
Os veciños cren que a cantidade de auga caída en pouco tempo e o estado de conservación do regato provocaron o que definen como un susto. Cuntis é un dos 16 concellos do interior da provincia que recibiron o aviso por situación de alerta vermella ante a previsión de precipitacións fortes.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, cualificou a situación no seu municipio debido ao temporal de "moi crítica" e pediu aos veciños que, ante a crecida dos ríos próximos a esta localidade -Umia e Gallo-, eviten "calquera desprazamento que non sexa de vital necesidade".
Nunha mensaxe distribuída por WhatsApp e nas redes sociais, o alcalde sinala que o servizo municipal de Emerxencias e Protección Civil comunicou que, "debido aos desbordamentos, non poden asegurar o bo estado das vías nin garantir a seguridade na circulación".
Por iso, insta os veciños a "quedarse na casa" e "evitar calquera desprazamento que non sexa de vital necesidade", así como a "non achegarse ás zonas de río, pontes ou paseos".
En declaracións a EFE, o rexedor confirmou que o río Gallo desbordouse ao seu paso pola localidade e cualificou a situación de "moi crítica".
"Estamos nunha situación de desbordamento total dos ríos con moitas estradas afectadas, é unha situación moi crítica", afirmou.