Baixa o prezo de peixe e marisco nos mercados
Rodaballo ou linguado pódese mercar por ata 10 euros menos o quilo que polo Nadal
Peixes e mariscos baixaron os prezos pasado xa o Nadal. Sen a gran demanda para abastecer as mesas dos mellores manxares tanto nos fogares coma na hostalería, os prezos do marisco e o pescado regresan aos prezos máis habituais.
Abundancia de peixes planos nos mercados, que por esta época se adentran nas rías a desovar e son presa cómoda para as redes dos barcos de baixura. O que mantén o prezo é o rapante, que continúa escaso.
A que se deixa ver o xustiño é a pescada do pincho, debido a que gran parte da frota amarrou durante o Nadal, pero nos próximos días retomarase o volume habitual de capturas e volverá brillar pola súa abundancia nos postos do mercado.
O prezo do marisco tamén baixou e agora é un bo momento para degustar crustáceos e bivalvos.