Envían dende Vilagarcía axuda humanitaria para os cidadáns de Ucraína
A empresa Fundiciones Rey ten vínculos comerciais, industriais e afectivos co país ucraíno
Fundiciones Rey, en Vilagarcía de Arousa, está desbordada pola cantidade de xente que colaborou ou xa anunciou que colaborará con esta iniciativa de axuda humanitaria. Particulares e empresas fan chegar ata Arousa toda clase de bens con destino á fronteira polaco-ucraína para que logo se distribúan por distintos puntos de Ucraína.
Xa partiu un tráiler e probablemente mañá sairá outro máis. Ademais ofrécense a acoller tamén refuxiados que cheguen do país ucraíno. Case entre bágoas e moi emocionado, un dos propietarios desta empresa, Elías Cochón, ofrece os seus camións para transportar refuxiados dende Ucraína e darlles acollida aquí.
O vínculo dos que forman parte desta compañía que ten negocios con socios ucraínos dende hai anos é moi intenso. A resposta dende que comezou o ataque ruso sobre o seu veciño foi inmediata e masiva por parte de moitos colaboradores.
A única división que fan é entre produtos alimentarios e perecedoiros ou sanitarios, que tamén é un conxunto heteroxéneo para conseguir que chegue ata Ucraína calquera cousa de primeira necesidade nunha situación de guerra como a actual.