Axentes da Garda Civil visitan no rural persoas de idade avanzada e danlles charlas
O Plan Maior de Seguridade ofrece cada ano preto dun cento de conferencias na provincia de Lugo
Un nutrido grupo de mulleres rurais do concello lucense de Láncara segue con atención unha serie de consellos para se protexeren dos perigos aos que se poden enfrontar no mundo actual.
Trátase dunha das preto dun cento de charlas que ofrecen cada ano os axentes da Garda Civil adscritos ao Plan Maior de Seguridade na provincia de Lugo.
"Cando veñen sacar diñeiro do banco, deben estar vixilantes e comprobar que non os segue ninguén. E no rural, incídolles en que cambien o concepto de ter as portas abertas", precisa Manuel Torrón, coordinador do Plan Maior de Seguridade da Garda Civil en Lugo.
"Cada día temos máis problemas, con xente que non sabemos quen é nin como tratala. Véñennos moi ben estas charlas para saber como actuar", afirma Pilar Brea, tesoureira da asociación de mulleres rurais O Noso Lar de Láncara.
Ademais de conferencias, este plan do Ministerio do Interior que leva cinco anos vixente tamén procura atender ás persoas de idade avanzada residentes no medio rural. En especial as que viven soas en aldeas illadas, por resultaren máis vulnerables.
"Sendo a provincia con máis quilómetros de estrada, queremos chegar á última aldea, onde viva o último veciño, estar con el, parolar un pouco sobre as súas inquietudes e que sinta a nosa presenza", indica Manuel Torrón.
O coordinador do plan en Lugo suliña que preto de 2.000 persoas maiores da provincia teñen o seu teléfono, o que dá idea do labor social que supón este programa.