Publicador de contidos

Publicador de contidos

Avanzan os traballos de desmantelamento da central térmica das Pontes

Avanzan os traballos de desmantelamento da central térmica das Pontes

A previsión é ter liberadas 55 hectáreas de solo industrial para 2028

G24.gal 23/07/2025 14:52 Última actualización 23/07/2025 15:17

Foi durante moitos anos a maior xeradora de enerxía eléctrica do Estado. A central térmica das Pontes pechou definitivamente en 2023, e agora toca desmantelala. O obxectivo é liberar 550.000 metros cadrados de solo industrial ata 2028. 

Calculan que teñen arredor dun 20 % do traballo feito. O máis avanzado son os parques onde se almacenaba o carbón. Urxen porque hai proxectos agardando pola superficie que liberen, en concreto os de Ence. 

"O proxecto de Ence contempla, nunha primeira fase, unha bioplanta para facer fibras de materiais reciclados", explica Juan Álvarez, responsable dos proxectos de reindustrialización de Endesa.

Esa primeira fase instalarase no parque de Saa e estaría "moi avanzada, cun investimento previsto duns 150 millóns de euros", di Álvarez. E despois, nunha segunda fase, "Ence ten un proxecto tamén innovador de obtención de fibras a partir de reciclaxe téxtil, e unha fábrica de tisú", afirma.

Proxectos que está previsto que xeren 1.200 empregos, tres veces máis -din- que tiña a central cando pechou. En Endesa queren seguir atraendo investimentos á zona.

"Investidores que buscan solo, que buscan conexión eléctrica dispoñible, auga, nós podemos darlles solución", di Álvarez.

Calculan que teñen completado arredor dun 20 % do traballo de desmantelamento. Levan xeradas máis de 7.000 toneladas de refugallos, e serán case 400.000 cando rematen, en 2028. Case todo -o 90 %- vaise reciclar. 

"Metais, formigón, elementos pétreos, serán separados individualmente e levados a un xestor especializado en cada un dos materiais", di Jesús Ferreño, responsable do proxecto de desmantelamento da central. 

A demolición das torres de refrixeración está prevista para o segundo semestre de 2026. Aínda non se sabe que pasará coa icónica cheminea da central, a máis alta de Europa cando se construíu. Está en trámite a súa declaración como Ben de Interese Cultural.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade