Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os concellos da provincia de Ourense afectados polas riadas avalían os danos

Os concellos da provincia de Ourense afectados polas riadas avalían os danos

Na Arnoia, a leña que arrastra o río arrasou coas dúas áreas recreativas do concello

Un gran buraco obriga a pechar ao tráfico unha das principais arterias do Carballiño

Danos no Arquivo Histórico Provincial por mor das filtracións na catedral de Ourense

Área recreativa do Inquiau, na Arnoia
G24.gal 03/01/2023 13:59

Abraiados están os veciños da Arnoia polos efectos da riada. Non é a primeira vez, din, que o río crece tanto, pero nunca antes arrasara con todo ao seu paso nas dúas áreas recreativas do concello. "Pasarelas, pontes, tamén tirou algunha mesa de pedra...", explica un veciño.

A causa, aseguran, non é tanto a auga como a leña que arrastra: "Isto é por culpa da leña que vén, que está todo sen limpar por aí arriba".

O Carballiño

A auga, neste caso do río Carrás, foi tamén a responsable dun buraco que vai ter días cortada a rúa que lle dá servizo ao centro de saúde do Carballiño. "Moita auga, calor... xa tería fendas e, entre o exceso de auga e a presión, adeus", explica un afectado.

Ourense

Leva algo máis dun día sen chover, pero é agora cando se empezan a ver os efectos de tanta acumulación de auga. Na catedral de Ourense, o arquivo histórico é o que máis sufriu. Non hai incunables afectados, pero si documentos históricos coma estas actas de 1608. A chuvia causou en horas uns danos que tardarán meses en reparar.

Luis Manuel Cuña Ramos, arquiveiro da catedral de Ourense: "Vanse movendo as páxinas para que vaia secando e non saian fungos. Estes documentos pódense seguir lendo, pero a mancha xa non marcha".

Tamén lles preocupa o singular pórtico do Paraíso policromado, a xoia da catedral de Ourense, cara ao que corre a auga que se filtra polas terrazas do tellado debido ás obras de restauración.

José Pérez, deán da catedral de Ourense: "Puxéranlle uns toldos para tapar máis ou menos, pero con esta acumulación de auga desbordou completamente".

As piscinas de Oira e as áreas termais da cidade tamén sufriron danos, sepultadas pola forza do Miño, que hoxe xa vai máis tranquilo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade