Atracan unha tenda 24 horas no barrio ourensán do Couto
O asalto quedou rexistrado nas cámaras de seguridade
"Estaba na caixa, traballando no ordenador e entraron dous mozos, un cunha bolsa de lixo outro cun pasamontañas, tiñan tamén os pes tapados con bolsas e luvas. Un levou a caixa de autocobro, levaron o moedeiro, e o outro, mentres estaba abrindo a manual, a caixa de toda a vida, e levaron todo coido que nun minuto".
Deste xeito relata Anabel Piza o asalto que sufriu á primeira hora da mañá na tenda 24 horas na que traballa. Situada na rúa Jesús Soria, é locutorio, tenda de alimentación e cafetería. Os ladróns buscaban cartos en efectivo.
"Comunicábanse por sinais, non dixeron nada, nin palabra. Un viña cunha lima, cun punzón e o outro cunha barra de ferro, que a soltaron finalmente." Conta Anabel.
O atraco quedou rexistrado nas cámaras de seguridade, din que todo aconteceu moi rápido.
"Ameazárona con esa ferramenta, un tipo de coitelo longo, colleron a máquina de cobro, os cartos en efectivo e nada máis, a cousa foi moi rápida, 45 ou 50 segundos e saíron correndo. Temos cámaras de seguridade, está todo grabado e en mans da policía, claro", explica Carlos Abellás, propietario da tenda.
Na rúa Jesús Soria hai numerosos negocios. Din os comerciantes estar sorprendidos polo asalto, contan que, salvo casos puntuais, non acostuman vivir situacións coma estas.
"Un caso puntual imaxino, podería tocar aí como cando andaban polo 21 ou polo centro, ou por calquera outro sitio".
"Nas tardes ou as noites as veces hai ruídos, pero de día nunca".
"Ata agora aquí todos os que estamos nesta mesma rúa non tivemos ningún susto, pero en vista diso hai que estar pendentes".
Os ladróns foron localizados e detidos pola policía preto de alí pouco despois de perpetrar o roubo.