Atemorizados por un narcopiso no barrio das Fontiñas, en Santiago
Contan que o primeiro inquilino entrou no verán, pero que agora a trasfega de xente é constante
Denuncian comercio polo miúdo en plena rúa e barullo, noite e día, tanto na vivenda coma nas zonas comúns
"Non teño permiso do dono para abrir a porta. Non vivo aquí".
É a resposta que chega dende o outro lado da porta do piso en cuestión, o que xa non se sabe moi ben é que é o tal dono, o inquilino que entrou no verán e no que ninguén reparou.
"El chegou só como un inquilino máis pero ao pouco empezou a chegar xente que sabes que pernoita alí e moitísima xente ademais. Son tantos, que xa son máis ca nós", explica unha veciña, como voceira da comunidade.
As alarmas saltaron polo ir e vir de xente a calquera hora do día e, sobre todo, da noite.
"Moito sube e baixa, moita xente no portal, con certo aspecto que dá que desconfiar. Despois é continuo o ruído do portal, de riba para baixo, e o ascensor, que sobe e baixa, e pita cando chamas por el. Iso é cada cinco minutos, sobre todo, a partires das dez da noite" engade a muller.
Protexen a súa intimidade coas persianas baixadas constamente, pero da porta para fóra non se agochan.
"Fomos testemuñas de que aí se está traspasando droga porque non se cortan nada en pasala diante de todo o mundo, en plena rúa. Temos xente no portal que deambula por aí, de riba para baixo, e que ten chave do portal. Entra quen quere, non fai falta abrirlle. De feito, ábrennos a porta do edificio eles cando volvemos da rúa", confirma a veciña.
As chamadas á policía son constantes.
"Perdín a conta. Moitísimas, e xa non che falo do último mes. Fáloche da última semana porque é cada cinco minutos", lamenta a voceira.
Con todo, teñen medo, por eles mesmos pero, sobre todo, polos seus pequenos. Son unha comunidade pequena, de familias que vivían tranquilos neste edificio de recente construción ata que esa calma saltou polos aires.