Atascos en Sarria debido ás obras de transformación da vía rápida en autovía
O corte no corredor vaise prolongar durante dúas semanas
O corte no corredor de Sarria debido ás obras para transformalo en autovía está provocando grandes retencións e atascos no centro da vila.
Este xoves ampliouse o tramo pechado por necesidades derivadas das obras de desdobramento dos carrís da vía rápida. Todo o tráfico está desviado pola estrada provincial 546, que atravesa o centro de Sarria.
Como xa era previsible, o aumento do tránsito de vehículos nas rúas está a orixinar atascos e retencións. Unha situación que se prolongará dúas semanas. O 28 deste mes está previsto reabrir ao tráfico un dos carrís da autovía, en canto rematen os traballos de execución do firme.
Os veciños quéixanse da falta de previsión do Concello e de que non se tomasen medidas como suprimir temporalmente prazas de estacionamento nas travesías principais para habilitar máis carrís e poder absorber o volume de tráfico. Algo que se comezou a facer esta mañá.
Mentres dure esta situación, os veciños de Sarria confían en que non se produza ningún aviso por mal tempo, xa que en canto haxa previsión de neve o Ministerio de Transportes decidiu desviar o tráfico de camións por Pedrafita e envialo por Sarria, Quiroga e O Barco de Valdeorras.