Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aspas lidera con dous goles a primeira vitoria do Celta en Balaídos

Aspas lidera con dous goles a primeira vitoria do Celta en Balaídos

Óscar Rodríguez anotou outro gol nunha cómoda vitoria do conxunto celeste

O noruegués Larsen deixa detalles de calidade no seu debut

O Cádiz afonda na súa crise e segue sen puntuar tras catro partidos

G24.gal 02/09/2022 22:58

Un dobrete de Iago Aspas e outro tanto de Óscar Rodríguez, todos eles na segunda parte, deron ao Celta de Vigo o seu primeiro triunfo en Balaídos (3-0), onde o Cádiz alongou a súa profunda crise de resultados e xogo, sobre todo nun segundo tempo no que mostrou unha pésima imaxe.

Ao Celta faltoulle profundidade no primeiro tempo, incapaz de superar a arañeira amarela no centro do campo. O Cádiz xuntou moito as súas liñas e soubo manter a presión sobre os centrais celestes cando lle tocou construír desde atrás. Óscar Rodríguez apenas entraba en xogo, do mesmo xeito que Aspas e Carles Pérez, moi lonxe da área gaditana.

O Cádiz estivo moi cómodo no primeiro tempo. O plan de Sergio González saíu de marabilla. Entre Alejo e Zaldua neutralizaron a Javi Galán, o habitual puñal do Celta na súa banda esquerda. Certo é que os gaditanos non xeraron perigo, pero tampouco sufriron.

A única ocasión galega nos primeiros 45 minutos chegou cun lanzamento moi afastados de Óscar Rodríguez que case come o porteiro arxentino Jeremías Ledesma.

Segunda parte, comezo do dominio celeste

Coudet deuse conta e, no descanso, moveu ficha cun dobre cambio: Gabri Veiga e o dianteiro noruegués Larsen substituíron a Tapia e un esvaecido Carles Pérez.

Saíu máis enchufado o Celta e en apenas cinco minutos xerou máis ocasións que en toda a primeira parte. No minuto 49 Unai Núñez preto estivo de abrir a lata cun remate tras un saque de esquina; un minuto despois Ledesma sacou o tiro cruzado do seu compatriota Cervi.

E un erro do lateral Alfonso Espino penalizou ao Cádiz. Gabri recuperou no centro do campo, conectou con Aspas e este lanzouse a pola portería cunha rápida carreira. Pegoulle desde fóra da área e o balón tocou o xusto no centro Luís Hernández para desviar a traxectoria do balón.

Aspas, 'on fire'

O internacional español agrandou a súa lenda ao igualar a Pahino, o único céltico que marcara nas catro primeiras xornadas de Liga. 75 anos despois, Aspas repetiu ese fito. A próxima fin de semana poderao superar no Metropolitano, onde tratará, ademais, de convencer a Luís Enrique Martínez para que o inclúa na lista para o Mundial, o seu grande obxectivo.

Ese tanto reactivou ao Celta, ao que o mozo Gabri Veiga deu outro aire na medular. O canteirán participou en todas as xogadas de ataque. Se Coudet tiña dúbidas sobre se estaba preparado para ser titular, esta noite terminaría de convencerse.

O debutante Larsen tamén deixou escintileos da súa calidade. Seu puido ser o segundo gol celeste, pero o seu remate de cabeza estrelouse no poste. Pouco importou.

Cando Sergio González preparaba un triplo cambio, o Celta golpeou ao seu rival cun espectacular gol, culminado por Óscar Rodríguez tras unha asistencia co tacón de Larsen, nunha xogada que iniciou Mallo na banda dereita e na que tamén participaron Aspas e Veiga, decisivo para desatascar aos seus.

O Cádiz estaba afundido. O seu arranque é moi preocupante. Encaixou dez goles -o último de Aspas no minuto 75 desde a frontal-, non marcou ningún e segue sen puntuar tras catro partidos. E a próxima semana recibe ao Barcelona.

Ficha técnica:

3 - Celta: Marchesín; Hugo Mallo (Mingueza, min.81), Aidoo, Unai Núñez, Javi Galán; Tapia (Gabri Veiga, min.46); Óscar Rodríguez (Solari, min.66), Beltrán (Luca de la Torre, min.81), Cervi; Aspas e Carles Pérez (Larsen, min.46).

0 - Cádiz: Ledesma; Zaldua, Luíi Hernández, Chust, Espino; Alejo (Rubén Sobrino, 63), Fede (Theo Bongonda, min.63), Tomás Alarcón, Blanco, Ocampo; Lozano (Lucas Pérez, min.63).

Goles: 1-0 Iago Aspas, min.55; 2-0 Óscar Rodríguez, min.61; 3-0 Iago Aspas, min.75

Árbitro: Pulido Santana (comité canario). Amoestou a Larsen (min.77) por parte do Celta, e a Lozano (min.26) e Alarcón (min.90) por parte do Cádiz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar