Así é o protocolo para a gripe que prepara a Comisión de Saúde Pública
A máscara pasará de recomendada a obrigatoria nos centros de saúde segundo os escenarios de contaxios
O plan aconsella a recolocación ou baixa dos traballadores de residencias e o reforzo do teletraballo
Arquivo TVG
O plan de medidas contra os virus respiratorios 2025 recupera a máscara en centros sanitarios, que pasará de recomendada a obrigatoria nos peores momentos de contaxios, e aconsella a recolocación ou baixa dos traballadores de residencias e o reforzo do teletraballo.
O protocolo de recomendacións para o control das infeccións respiratorias agudas que debaterá este mércores a Comisión de Saúde Pública, ao que tivo acceso EFE, é en esencia o mesmo que o Ministerio de Sanidade tentou poñer en marcha, sen éxito, a tempada pasada, con catro escenarios de risco e unha serie de medidas asociadas a cada un.
A súa intención é facilitar a coordinación e homoxeneizar actuacións en todo o territorio, independentemente de que cada comunidade ou cidade autónoma execute tantas medidas complementarias como considere adecuadas.
Os niveis de risco mídense con indicadores como a taxa de incidencia, hospitalizacións, ocupación de camas ou ingresos en UCI, entre outros, que se extraen do Sistema de Vixilancia das Infeccións Respiratorias Agudas (SiVIRA), do rexistro de incapacidades temporais (IT), das augas residuais, do sistema de monitorización da mortalidade diaria (MoMo), do de Información de Vacinacións (SIVAMIN) e da información autonómica de capacidade asistencial e ocupación hospitalaria.
Escenario 0: con síntomas, sempre máscara
Nunha situación interepidémica ou basal, recoméndase poñer sempre máscara con síntomas a maiores de 6 anos, salvo quen teña algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo cubreboca ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoña de autonomía para quitala.
Tamén se desaconsella cando sexa incompatible coa natureza das actividades que se estean realizando.
Durante toda a tempada débese recomendar a vacinación, a hixiene respiratoria e de mans; priorizar espazos ao aire libre, evitar aglomeracións e ventilar os espazos.
Escenario 1: recomendada en áreas vulnerables de centros sanitarios
Cando os indicadores de trasmisibilidade estean en nivel baixo ou moderado, recoméndase:
- Persoas con síntomas: que usen máscara e que, na medida do posible, minimicen interaccións e apliquen as medidas de etiqueta respiratoria e hixiene de mans durante os 5 días posteriores a ter síntomas, extremando os contactos con grupos vulnerables.
Se o seu posto o permite, que teletraballen.
- Centros residenciais: os traballadores con síntomas deberán ser recolocados en áreas onde non teñan contacto directo con persoas vulnerables e, de non ser posible, que se dean de baixa os 5 primeiros días tras iniciar síntomas. Cando se reincorporen seguirán utilizando permanentemente a máscara ata a remisión completa.
- Hospitais, centros de saúde e similares: recomendarase máscara tanto a persoal sanitario como a pacientes e acompañantes en ámbitos vulnerables, como salas de tratamentos quimioterápicos ou unidades de transplantados.
Escenario 2: indicada en salas de espera e urxencias
Cando os indicadores estean nun nivel alto:
- Persoas con síntomas: reforzaranse as medidas do anterior escenario.
- Medidas de prevención: reforzar ventilación, limpeza e desinfección e recomendar máscara a persoas cuxas ocupacións as levan a interaccións frecuentes con persoas con síntomas compatibles ou casos confirmados.
Impulsaranse medidas que eviten a aglomeración de traballadores en espazos pechados.
- Centros residenciais: recomendarase o cubreboca activamente a persoas con risco de desenvolver complicacións graves.
De forma permanente aconsellarase para todos os traballadores dos ámbitos vulnerables, pero non a pacientes ou residentes, valorando a súa obrigatoriedade de maneira xeral ou nos centros que segundo a súa situación específica e vulnerabilidade así se determine.
Poderanse restrinxir as visitas de cortesía, avaliando antes a repercusión emocional desta actuación.
Os traballadores contaxiados en contacto con vulnerables que non poidan recolocarse deberán ser dados de baixa os días indicados de illamento.
- Centros sanitarios: a máscara estará indicada para traballadores, pacientes e acompañantes en lugares comúns como salas de espera ou urxencias hospitalarias, valorarase a súa obrigatoriedade de maneira xeral ou nos centros cuxa situación específica e vulnerabilidade así o determinen.
Terán que activarse os plans de continuidade para asegurar a asistencia sanitaria ante un incremento da demanda asistencial e incrementaranse, se é necesario, as capacidades dos servizos de urxencias e de UCI.
Escenario 3: medidas adicionais e excepcionais
Cando os indicadores se atopen nun nivel moi alto ou haxa información que apunte a un risco pandémico, engadiranse outras medidas como o reforzo da coordinación mediante a convocatoria extraordinaria do pleno do Consello Interterritorial.
"En caso necesario, poderase valorar a adopción de medidas adicionais e excepcionais que se executarán de acordo coa normativa específica", conclúe.