Publicador de contidos

Publicador de contidos

Visto para sentenza: Ábalos considérase vítima dun xuízo paralelo e Koldo di que o perdeu "todo"

Visto para sentenza: Ábalos considérase vítima dun xuízo paralelo e Koldo di que o perdeu "todo"

Aldama foi o único dos tres acusados que non fixo uso do dereito á última palabra

Koldo García revelou que "o avogado do PP" lle ofreceu que colaborase, "mentindo e enganando a todos os españois"

O xuízo pola trama das máscaras queda visto para sentenza

O fiscal rexeita que Sánchez fose o número 1 da organización criminal de Ábalos, Koldo e Aldama

Aldama, Ábalos e Koldo no banco dos acusados
G24.gal 06/05/2026 21:18

 O exministro de Transportes José Luis Ábalos admitiu este mércores ante o Tribunal Supremo ter a sensación de estar a ser xulgado "máis como persoa que por feitos", e denunciou que o comisionista Víctor de Aldama, estando en prisión, aproveitou a "polarización política" para sinalar a cargos do Goberno.

"Teño que aproveitar, xógome a pouca vida que me queda, que tampouco é demasiada". Así iniciou o tamén exdirixente socialista a súa quenda de última palabra no xuízo no que sinta no banco xunto ao seu exasesor Koldo García e o comisionista Víctor de Aldama por presunta corrupción en contratos de máscaras.

Unha intervención na que cuestionou de cheo a aducida colaboración deste último. Con rotundidade volveu a negar recibir mordidas de 10.000 euros mensuais "a repartir" con Koldo García das que lle acusa Aldama, cando "non hai ningunha evidencia diso".

Cuestionou tamén a "fábula" coa que o seu avogado dixo que Aldama "foi captado", parece que "por unha seita máis que por unha organización criminal", en 2015, cando el non estaba no Goberno.

O exministro, que afronta unha petición de cárcere de ata 30 anos, afirmou que se atopa inmerso nun "procedemento predeterminado" cun "xuízo paralelo" que non é "gratuíto", senón que foi "financiado, guiado e con filtracións da propia investigación".

Iso, dixo, vicia a causa xudicial, de xeito que só lle queda a defensa da súa honra porque "é imposible defenderse".

Tras cuestionar a tese do fiscal de que se colonizou "" a administración pública, preguntouse Ábalos se "todo" o que se lle ten que "reprochar" na súa carreira de ministro son contratos temporais "e porque son de señoritas", en alusión ao suposto enchufe da súa exparella e outra muller en empresas públicas, cando el podía ter acceso á información de todo o Goberno.

Precisamente, a súa defensa insistiu en que a súa exparella Jéssica Rodríguez foi un "gancho" do comisionista Víctor de Aldama para "congratular" ao tamén exdixigente socialista, e que foi este empresario quen lla presentou no marco "dunha captación".

No seu informe final no que pide a absolución de Ábalos no Tribunal Supremo, o avogado Marino Turiel quixo explicar por que lle preguntou hai semanas a Jéssica Rodríguez se se dedicaba á prostitución para saber se foi unha "captación de Aldama" para o exministro.

Non foi desde o punto de vista pexorativo, dixo o avogado, senón para tratar de demostrar a "relación mercantilizada" que cre que se produciu ao redor desta muller por mor do interese do "nexo corruptor" (Aldama) para intentar congratular a Ábalos.

O avogado cuestionou ao longo do seu informe a credibilidade de Aldama, que acusou ao seu cliente e a Koldo García da cobranza de mordidas no marco dunha colaboración coa que busca non entrar en prisión, e resaltou as súas contradicións nas diferentes declaracións.

Neste punto, criticou a "hipersensibilidade da Fiscalía" e sobre todo da acusación popular que coordina o PP en promover unha rebaixa da pena para Aldama, que decidiu recoñecer o feitos pero, para iso, "imputar aos demais".

Tras subliñar que non ten afinidade ideolóxica e que ten clientes políticos tanto de PP como de PSOE, si que apuntou a un interese político da acusación popular ao considerar "absolutamente controvertible" que decida rebaixar a súa petición de condena a Aldama cando este situou a Pedro Sánchez como o "número 1" da suposta organización criminal, unha tese que non compartiu a Fiscalía.

O avogado Turiel tamén subliñou que, coa súa confesión, Aldama "gañou saír de prisión" por unha fraude millonaria de hidrocarburos no que continúa investigado na Audiencia Nacional, sen confesar os feitos desa causa.

O exasesor ministerial Koldo García revelou que "o avogado do PP" lle ofreceu que colaborase, "mentindo e enganando a todos os españois", e asegurou que Víctor de Aldama non di a verdade e elixiu "o camiño doado".

"Aldama está a vivir a costa de todos nós, porque meteu ao señor Ábalos e Koldo García no cárcere con mentiras, e isto é a realidade", sinalou o exasesor na súa quenda de última palabra no xuízo o que está acusado xunto a Aldama e o exministro José Luis Ábalos por presunta corrupción en contratos de máscaras.

Unha intervención deslabazada que pechou asegurando que Aldama é "o único que ten sociedades fóra de España vivindo a costa de todos os españois", e na que asegurou que di a verdade e pódeo demostrar.

"A verdade é que a min ofrecéronme mentir e que a cambio non entraría no cárcere", asegurou Koldo García, que denunciou que agora mesmo atópase en prisión provisional, sen posibilidade de facer "nada" cando saia, e que perdeu "todo", tanto á súa familia como aos seus amigos, pero que dixo que non vai mentir.

A defensa do comisionista Víctor de Aldama pediu ao Tribunal Supremo que teña especialmente en conta e "premie" a súa colaboración coa Xustiza, que presentou como unha "cruzada" contra o "aparello estatal" sobre un "suposto de corrupción que afecta a altos cargos do Goberno".

O avogado José Antonio Choclán cualificou de "fundamental" o testemuño do seu defendido en relación ás comisións "absolutamente acreditadas" que dixo pagar ao exministro de Transportes José Luis Ábalos e o seu exasesor Koldo García, acusados como el por presunta corrupción en contratos de máscaras.

Aldama, que accedeu a colaborar estando en prisión preventiva por unha fraude millonaria en hidrocarburos no que segue investigado na Audiencia Nacional, afronta unha petición de 7 anos de cárcere da Fiscalía e duns 5 anos das acusacións populares que coordina o PP.

Como un "recadador de fondos" presentounoo seu avogado, que pide unha condena que non implique o seu ingreso en prisión ao considerar que a súa colaboración coa Xustiza ten "especial valor" pola "reacción do Goberno", cunha demanda que presentaron varios membros do Executivo contra el, ou o recente anuncio de accións legais por parte do ministro de Presidencia, Félix Bolaños.

Esas demandas e outras accións por parte do PSOE buscan, segundo Choclán, unha "represalia" para "desincentivar" a colaboración de Aldama.

"A Santos Cerdán, a primeira vez que se lle menciona é o señor Aldama. Que non se esqueza isto", salientou o avogado, que insistiu en que o seu cliente "recoñeceu ser instrumento para financiar persoal ou mesmo organicamente ao PSOE e a membros do Goberno", xa que explicou que parte das súas comisións "destináronse a financiar ao PSOE a través dun sistema de doazóns".

En varias ocasións destacou a defensa que Aldama nin liderou nin creou a organización criminal, senón que "se lle capta" pois, segundo defendeu, esta xa estaba creada desde 2015 cos supostos amaños de obra pública polos que se investiga noutra causa ao exdirigente socialista Santos Cerdán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade